Suspendida unha conexión Santiago-Madrid pola folga de Iberia Express
Suspendida unha conexión Santiago-Madrid pola folga de Iberia Express
A compañía di que operarán con normalidade o 92,5 % dos voos programados
Os tripulantes de cabina de Iberia Express reivindican a suba dos salarios, conxelados desde 2015
Iberia Express suspendeu oito voos non incluídos nos servizos mínimos nesta primeira xornada de folga convocada por USO entre os tripulantes de cabina de pasaxeiros (TCP), á vez que destaca que todas as súas saídas están a producirse con puntualidade.
Os voos cancelados son catro desprazamentos de ida e volta que enlazan Madrid con Gran Canaria, Mallorca, Santiago e Sevilla.
A compañía sinala que este domingo operará 99 voos (o 92,5 % dos programados), todos eles incluídos en servizos mínimos, na primeira xornada de folga dunha quenda de 10 convocadas por USO entre os máis de 530 TCP para esixir melloras salariais.
O 84 % dos 1.100 pasaxeiros afectados polas cancelacións deste domingo xa foron recolocados noutros voos ou en medios de transportes alternativos, e o 16 % restante solicitou un bono, o reembolso do billete ou está pendente de elixir a alternativa que mellor lle conveña.
USO esixe adecuar os salarios á subida do custo da vida, xa que levan conxelados desde 2015, segundo os seus datos, en tanto que a empresa defende que as esixencias sindicais son "desproporcionadas" e supoñerían un aumento do custo salarial por encima do 26 %.
CCOO desmarcouse desta convocatoria e asinou un acordo coa compañía mentres se negocia o convenio polo que Iberia Express abonaría a todos os tripulantes un anticipo a conta do convenio de 1.350 euros para os sobrecargos e de 950 euros para os TCP.