Identificado o presunto autor do atropelo a unha parella en Caldas de Reis
Identificado o presunto autor do atropelo a unha parella en Caldas de Reis
A Policía Local localizou o coche no garaxe do presunto autor, que fuxira do lugar dos feitos
En tres días conseguiu a policía local de Caldas estreitar o cerco sobre o presunto autor do atropelo a unha parella o pasado venres, nun paso de peóns na estrada que vai a Portas. O condutor fuxiu do lugar pero sabían -polo relato das vítimas e dunha testemuña- que era un home e que conducía un coche vermello tipo berlina.
"A partir de aí, tentamos descubrir de que vehículo se trataba", explica o inspector xefe da Policía Local, Manuel Castro.
Falaron coas testemuñas e revisaron as cámaras de seguridade que hai na zona, e as pescudas tiveron éxito.
"Finalmente demos co vehículo e co presunto causante dos feitos”, di Castro.
O coche estaba no garaxe do edificio onde reside o presunto autor do atropelo, ao que aínda non tomaron declaración. O vehículo quedou inmobilizado no depósito municipal e a Policía Local continúa coas dilixencias. Van denunciar o home por un presunto delito de denegación de auxilio, e será o Xulgado de Caldas o que instrúa o caso.