Identifican o autor dun atropelo dobre na AP-53 por un anaco do retrovisor
Identifican o autor dun atropelo dobre na AP-53 por un anaco do retrovisor
Grazas aos anacos do espello, Tráfico identificou o modelo e a marca de vehículo
O presunto culpable é un mozo de Lalín que non parou despois do atropelar dous operarios
Pasaban as sete da mañá do 14 de setembro cando un coche atropelou dous operarios que poñían sinais na AP-53, á altura de Vedra. Ambos quedaron feridos no asfalto e foron trasladados ao hospital de Santiago, onde un deles tivo que ser operado. Por motivos que se descoñecen, o condutor non parou, pero deixou pegada, un anaco de retrovisor que só levan determinados modelos e marcas.
"Na inspección ocular que fai atestados no lugar dos feitos atópanse unha serie de elementos materiais que deixa o suceso. Neste caso, un espello retrovisor dereito co que se chega ata a marca e o modelo de cohe, e se empeza a investigar nos talleres desa marca", explica Manuel Julio Menéndez Navarro, tenente xefe do destacamento de Tráfico de Santiago.
No lugar dos feitos non había cámaras, pero si nas entradas da autoestrada. Os axentes buscaron o modelo de coche na faixa horaria compatible e foron estreitando o cerco.
"Faise un cálculo da hora pola que entran os vehículos onde están as cámaras e o que lles levaría chegar ata o lugar dos feitos. Despois de analizar e cruzar datos, vemos que tres coches da marca que buscamos poderían estar a esa hora nese punto", engade o tenente.
Había tres vehículos sospeitosos e só un culpable, que atoparon percorrendo os talleres do Deza.
"Primeiro pasamos polos talleres oficiais da marca e despois polos de multimarca, preguntando se alguén pasara para arranxar o espello retrovisor dereito. Finalmente foi nun taller de Silleda onde descubrimos que se fixera a reparación e puidemos localizar o presunto culpable", recorda o tenente.
Xa se abriron dilixencias contra o mozo de Lalín que conducía o coche. Está acusado de abandono do lugar de accidente, un delito que poder estar penado con prisión e retirada do carné.