Imanol Arias tras admitir a fraude a Facenda: "Eu nunca pensei que iría ao cárcere"
Imanol Arias tras admitir a fraude a Facenda: "Eu nunca pensei que iría ao cárcere"
O actor pecha un pacto co fiscal e evita a súa entrada en prisión
Consiste nunha condena de menos de dous anos de cárcere e o pago dunha multa a cambio de recoñecer varios delitos contra Facenda
O actor Imanol Arias aceptou menos de dous anos de cárcere, que non implican a súa entrada en prisión, tras chegar a un acordo coa Fiscalía polo que recoñece defraudar a Facenda 2,7 millóns de euros das súas ganancias na popular serie Cuéntame como pasó.
A defensa do intérprete chegou a un pacto de conformidade coa Fiscalía Anticorrupción que se concretará no xuízo que arrincou este martes na Audiencia Nacional e que, segundo informan a EFE fontes xurídicas, consiste nunha condena de menos de dous anos de cárcere e o pago dunha multa a cambio de recoñecer varios delitos contra Facenda.
O actor, que aboou xa toda a responsabilidade civil que lle reclamaba o fiscal, senta no banco dos acusados xunto á súa compañeira de elenco na citada ficción, Ana Duato, para quen a Fiscalía pide 32 anos de prisión e o avogado Francisco Peña, case 300 anos como líder da organización coa que se cometeu a fraude.
Peña crearía 20 empresas en España e outras 200 en países como Costa Rica, O Uruguai e Luxemburgo para agochar as ganancias dos actores na serie de televisión 'Cuéntame cómo pasó'.
A Avogacía do Estado, que defende a Facenda, pedía 28 anos de cárcere para cada un dos actores e multas que suman 16 millóns de euros. O xuízo está previsto que se prolongue polo menos ata finais de setembro.
Imanol Arias: "Eu nunca pensei que ia ir ao cárcere"
Á súa saída do xuízo e ante unha grande expectación mediática, o actor declarou aos xornalistas que está a vivir "unha situación moi estraña, por nova", aínda que se mostrou "moi tranquilo".
Tras confesar que nunca pensou que iría ao cárcere, desvinculou o seu acordo coa retirada da acusación ao comezo do xuízo contra a súa irmá, que quedou eximida de responsabilidade e saíu da sala.
"Estou contento e conforme, polo menos queda claro o asunto", sinalou Arias, quen manifestou que así se esquece dos oito anos de procedemento nos que afrontou unha petición de 27 anos de cárcere.
O actor explicou que solicitou ao tribunal declarar canto antes ao ter en cartel unha función de teatro en Arxentina coas entradas vendidas ata finais de xullo. A presidenta da Sala adiantou que aceptará a súa petición.