Impacto socioeconómico do veto europeo á pesca de fondo, por Maite Cancelo
Impacto socioeconómico do veto europeo á pesca de fondo, por Maite Cancelo
Provocou unha importante baixada de capturas na pescada e afectou a frota de Burela e Celeiro
O sector pesqueiro representa o 4 % do PIB galego
O Regulamento de Execución 2022/1614 aprobado pola Comisión Europea en 15 de setembro de 2022, que desenvolve o Regulamento 2016/2336 do Parlamento Europeo e que, con efecto inmediato, o que implica é unha prohibición de pesca con artes de fondo a máis de 400 metros de profundidade, xa está a ter un impacto directo sobre o noso sector.
A última nova, que se recolle entre outros, na G24, é como este veto está a provocar unha primeira fuga de traballadores cualificados, patróns e xefes de máquina, que buscan mellores condicións laborais, que está directamente relacionada co impacto socioeconómico que o veto establecido por Bruxelas ten sobre o noso sector pesqueiro.
Afectación directa sobre o salario
Hai que ter en conta que o salario das persoas embarcadas está en función dun fixo, pero tamén dun variable que depende das capturas. Así, nos máis de cen días de aplicación deste regulamento, que afecta a varias especies, pero especialmente á da pescada, provocou unha importante baixada de capturas e, por tanto, de facturación, o cal está a afectar directamente os salarios da frota e ten como consecuencia que as persoas máis cualificadas emigran cara a outras zonas onde poden traballar e cobrar máis.
Afectación sobre o territorio
E, máis aló de se esta prohibición é razoable, proporcionada e se cientificamente se axusta ao informe técnico do que partiu a Comisión Europea para a súa elaboración (hai que lembrar as declaracións do nesgo na interpretación que fai Pablo Abaunza, xefe da área de Pesqueiras do Instituto Español de Oceanografía), o que si está claro é que xa está a impactar sobre a nosa economía e de forma moi especial sobre algúns concellos da provincia de Lugo, onde a actividade pesqueira exerce unha función fundamental para a xeración de riqueza, de emprego e, en última instancia, de fixación de poboación.
Afectación sobre a frota
Así, a norma afecta, en termos globais, a 87 caladoiros do Océano Atlántico, sobre todo á pescada (que supón o 78 % dos quilos capturados e o 85 % dos ingresos da pesca do palangre), polo que ten un impacto directo sobre unha boa parte da nosa frota, pero, de forma máis intensa á pesca de palangre de fondo en augas do Gran Sol, e, de forma moi focalizada, á frota que ten a súa sede na provincia de Lugo (Burela e Celeiro), que viron como desde a aplicación deste regulamento o seu volume de descargas diminuíu un terzo en comparación co mesmo período do ano anterior.
Ademais, prodúcese un efecto arrastre: non só a frota que pesca nestes caladoiros está afectada, xa que hai un efecto expulsión dos buques que traballaban nestas zonas cara a outras con menos restricións, co que se produce unha maior concentración en caladoiros alternativos.
Afectación económica
Non esquezamos a importancia do sector pesqueiro na nosa comunidade autónoma, que, segundo as táboas Input-Output elaboradas polo grupo de Investigación de Economía Pesqueira e Recursos Naturais da USC, tendo en conta as actividades do mar e as súas relacións coa industria, e outros sectores, constitúen o cuarto en importancia na economía galega, representando o 4 % do noso PIB.
Para concluír, calquera actuación reguladora debería analizar previamente o impacto que ten sobre a actividade económica dunha rexión, de forma proporcionada e considerando, ademais das económicas, as consecuencias sociais sobre o territorio. Esperemos que os posibles recursos que se están presentando ante esta restritiva regulamentación teñan un bo fin e consigan reorientar este regulamento cara a un que pondere os factores ambientais cos socioeconómicos, e cunha correcta avaliación científica tal e como se recolle no propio regulamento marco, aprobado no ano 2016 así como outras normas da Unión Europea.