Impulsan a marcaxe de candorcas para minimizar interaccións con embarcacións
Impulsan a marcaxe de candorcas para minimizar interaccións con embarcacións
O proxecto identificará a zona en que se localizaron os animais nas últimas horas e tamén elaborará un mapa da súa traxectoria semanal para que os barcos poidan evitar a presenza destes cetáceos
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) anunciou que está a impulsar a marcaxe satelital de seis exemplares de candorcas para minimizar a interacción coas embarcacións que comezaron durante o verán e o outono de 2020, tanto no Estreito de Xibraltar como nas augas da costa galega.
En colaboración coa entidade Circe (Conservación, Información e Estudo sobre Cetáceos), o Ministerio compartirá a información obtida con esta marcaxe ás administracións competentes, que a difundirán para coñecemento dos navegantes para tratar de reducir o risco de interacción, evitando ou minimizando a navegación polas esas áreas, informa a administración nunha nota.
Dentro deste proxecto realizouse xa a marcaxe satelital dun exemplar de candorca, que fora identificado previamente como un dos exemplares que interactúan coas embarcacións.
A información que proporciona esta marca satelital vai permitir, durante o período en que estea a ser operativo o dispositivo, identificar a súa localización nas últimas horas e elaborar un mapa semanal da zona aproximada en que este exemplar estivo desprazándose.
Desde o pasado febreiro está dispoñible tamén a aplicación Orcinus impulsada desde a Xunta, a través de Portos de Galicia, e desenvolvida polo Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) do Grove, na que se rexistra e se difunde o avistamento e os incidentes con estes animais.
Ademais, o Ministerio, a través do proxecto Life Intermares, que coordina a Fundación Biodiversidade do Miteco, e en colaboración coa entidade Circe, iniciou o verán pasado un proxecto piloto para tratar de minimizar as interaccións de candorcas con veleiros no Estreito de Xibraltar.
Estes traballos dan continuidade ao estudo científico desenvolvido a finais de 2021 pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) e o Grupo de Traballo da Candorca Atlántica (GTOA) acerca dos episodios de interacción da poboación da candorca con veleiros en augas de Galicia e do Estreito.
Entre as súas conclusións, instábase a probar técnicas de minimización das interaccións e a profundar no coñecemento sobre os hábitos da especie.
Seguindo esas recomendacións, este proxecto piloto demostrativo pretende probar diferentes dispositivos e técnicas de navegación para ofrecer unhas pautas claras de actuación, especialmente aos veleiros, que permitan que a súa navegación sexa segura. Tamén se buscará o desenvolvemento de actuacións orientadas á deshabituación das candorcas ás embarcacións.
Na provincia de Cádiz producíronse nos últimos días varias interaccións con candorcas, a última este luns a 7,7 millas ao suroeste de Barbate, onde un veleiro francés de 12 metros e con seis persoas no seu interior necesitou da asistencia da Salvamar Enif ao quedar sen goberno, como informou Salvamento Marítimo.
A candorca, explicou o Ministerio, é un mamífero mariño de hábitos sociais, intelixente, que se atopa presente de forma regular nas augas de xurisdición española, desde o Estreito de Xibraltar e as costas Atlánticas do Golfo de Cádiz e Galicia, ata o Mar Cantábrico, onde atopa hábitats esenciais para a súa alimentación.
Organízanse en grupos sociais estables e atópanse asociados, espacial e estacionalmente, ao stock do atún vermello, o que provoca os seus movementos migratorios.
Esta poboación está catalogada como vulnerable no Catálogo Español de Especies Ameazadas (CEEA), desenvolto mediante o Real Decreto 139/2011, do 4 de febreiro.
Para as especies incluídas no CEEA, o artigo 57 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e a Biodiversidade prohibe calquera actuación feita co propósito de darlles morte, capturalos, perseguilos ou molestalos.