Ingresada unha veciña de Friol ao queimarse nunha explosión de butano
Ingresada unha veciña de Friol ao queimarse nunha explosión de butano
A muller, de 69 anos, foi trasladada á unidade de queimados da Coruña
O pouco gas acumulado evitou unha traxedia maior
Unha veciña do Pacio, en Friol, permanece ingresada logo de resultar con queimaduras por diferentes partes do corpo mentres cambiaba unha bombona de butano na cociña da súa casa. Ao parecer, a muller non se decatou de que deixara o gas aberto e, cando foi prender a cociña logo de cambiar a bombona, produciuse unha explosión que lle provocou as queimaduras, sobre todo nas extremidades Por fortuna, non había suficiente gas como para que causase máis danos.
A muller foi trasladada por efectivos do 112 ata o centro de saúde de Friol. Aínda que as súas feridas non semellaban graves, o persoal sanitario detectou que as queimaduras eran de importancia e decidiuse o seu traslado en helicóptero ata a unidade de queimados do hospital da Coruña. O traslado causou fonda impresión en Friol, onde a familia da muller é moi coñecida.
O feito de cambiar a bombona xusto cando a primeira quedou sen gas evitou que se acumulase o butano e que se producise un incendio na casa.