Membros de Alcohólicos Anónimos percorren o Camiño para axudar a quen sofre adición ao alcol
Membros de Alcohólicos Anónimos percorren o Camiño para axudar a quen sofre adición ao alcol
A peregrinación polo Camiño Inglés inclúe reunións divulgativas en Ordes e en Santiago
Mulleres e homes da comunidade de Alcohólicos Anónimos camiñaban este primeiro mércores de outubro polo Camiño Inglés cara a Santiago. Son unhas trinta persoas que, superando o atranco da chuvia, avanzan na súa nova vida sen beber alcol. A súa experiencia queren compartila con persoas atrapadas nesa dependencia, como lle pasaba a Eli ata hai trece anos.
"Era unha bebedora de fin semana que cando empezaba non podía parar de beber. Foi entrar nesta comunidade de homes e mulleres que se recuperan compartindo a súa experiencia e fortaleza e apoiándose todos. Grazas a eles teño unha nova forma de vida, unha nova familia e son unha nova eu", relata Eli.
Axudarlle a reorientar a vida a quen sofre alcoholismo é o obxecto desta acción que inclúe reunións divulgativas en Ordes esta tarde e en Santiago na fin de semana.
Manuel é xa un veterano nesta actividade dirixida a axudar a quen ten problemas coa súa forma de beber: "Unhas xornadas de reflexión os tres días compartindo. E iso é o que nos recupera a nós; estar en contacto con nós. Esta experiencia é para vivila. Isto é un programa espiritual, para vivir o que é a recuperación, e a verdade é que é fenomenal. Cámbiache a vida total. Non ten nada que ver unha vida coa outra".
E, polo que contan, camiñar cara a Santiago con esta diversidade de procedencias suponlles unha satisfacción engadida.
"Unha pasada, porque é unha maneira de compartir cos compañeiros do ámbito nacional e mundial", conclúe Eli.