Intentan estafar os agraciados co Gordo da lotería de Nadal na Fonsagrada
Intentan estafar os agraciados co Gordo da lotería de Nadal na Fonsagrada
Varios agraciados reciben chamadas ofrecéndolles cartos polos décimos premiados
Tras a chuvia de millóns do Gordo da Lotería de Nadal, chegaron á Fonsagrada os primeiros intentos de estafar os gañadores dos 450 décimos premiados. Polo momento, non constan denuncias ao respecto, pero si as chamadas aos agraciados para intentar aproveitarse deles.
Nun dos casos mesmo chegaron a dicirlle que o seu boleto era falso para que o entregase a cambio de cartos, mentres que noutros ofrecéronlles 30.000 euros a maiores e mesmo un coche de gama alta de regalo.
Ante estes intentos de estafa, dende a policía recomendan colgar o teléfono e borrar os correos electrónicos sospeitosos. E, para maior seguridade, tamén aconsellan fotografar os boletos premiados antes de ingresalos no banco.
"Non se pode facer caso. O normal é que a xente leve o décimo ao banco e faga as cousas de forma regulamentaria. Se se fan caso de historias desas, pode ser unha estafa, aínda que ofrezan máis valor có do décimo", di a loteira Otilia Díaz Pérez.
No caso de se facer efectiva unha destas estafas, cómpre denuncialo de inmediato.