Interior alerta dos antecedentes da parella a mulleres maltratadas
Interior alerta dos antecedentes da parella a mulleres maltratadas
Poderá informar a partir deste venres nos casos de especial relevancia de risco medio, alto ou extremo
O Ministerio do Interior poderá informar desde este venres as mulleres que denuncien violencia machista dos antecedentes do seu agresor, nos casos de especial relevancia de risco medio, alto ou extremo.
Así o fixa unha nova instrución do Ministerio do Interior (a 1/2023) que entrará en vigor este venres, e que este xoves asinou o secretario de Estado de Seguridade, Rafael Pérez.
Foi en consonancia cos criterios marcados pola Fiscalía Xeral e a Avogacía do Estado que ponderan o equilibro entre o dereito á protección de datos e o risco para unha vítima.
Agora hai 7.771 casos rexistrados no sistema VioGén de especial relevancia (6.833 en risco medio, 920 no alto e 18 en extremo).
Por outra banda, 61.079 agresores contan con dúas ou máis denuncias de distintas mulleres, é dicir, son persistentes e por iso máis proclives a agredir con maior dano, e a quebrantar medidas xudiciais.
Fontes de Interior explican que esta orde non implicará un aviso automatizado, senón que será necesaria a denuncia da vítima ou da súa contorna e unha valoración policial que lance un nivel de risco medio de especial relevancia, alto ou extremo.
Terase en conta, así mesmo, a existencia de indicadores relevantes como ameazas específicas, episodios de celos esaxerados, adicción a substancias tóxicas do agresor ou que a muller expresase a súa intención de romper a relación.
Caso a caso
Nos supostos en que concorran estas circunstancias, os axentes van estudar caso por caso o nivel de vulnerabilidade da vítima e valorarán se informarlle dos antecedentes do agresor constitúe unha actuación proporcionada e resulta necesaria para que a muller se implique na súa autoprotección.
Nos casos nos que se decida informar ás vítimas, non se facilitarán datos adiccional sobre a natureza dos feitos nos que estivo implicado.
Por outra banda, a orde indica que os axentes van ter en conta só os antecedentes existentes en VioGén dos cinco anos anteriores e excluiranse os antecedentes que respondan a feitos xa prescritos ou nos que haxa unha sentenza absolutoria ou un sobresemento libre.
Concienciar do risco
A instrución precisa ademais que os axentes deberán tratar de concienciar a vítima do risco que representa o agresor para ela e para os seus fillos e fillas e que non basta só con informar.
Ademais, terán que deixar constancia expresa en VioGén deste control que se establece sobre os agresores persistentes e informarase ao maltratador de que vai estar sometido a un control e seguimento policial, e de que estas medidas poderanse estender ás súas vítimas anteriores.