Publicador de contidos
Publicador de contidos

Interior retira as condecoracións a Billy o Neno e outros policías franquistas

Interior retira as condecoracións a Billy o Neno e outros policías franquistas

O ministerio tamén abre un proceso para a reforma da Lei de asociacións, que podería derivar na ilegalización daquelas que fan apoloxía da ditadura

G24.gal 30/12/2022 11:58 Última actualización 30/12/2022 12:23

O Ministerio do Interior ordenou revisar e retirar as condecoracións recibidas no pasado por axentes de policía que formasen parte do aparello de represión da ditadura franquista. Entre eles está o que fora membro da Brigada Político Social da Policía franquista Antonio González Pacheco, Billy o Neno, falecido en 2020.

Segundo informa o Ministerio do Interior, a decisión do ministro Fernando Grande-Marlaska é consecuencia da aplicación da Lei de Memoria Democrática, en vigor desde outubro, que contempla a anulación de recompensas policiais cando estea acreditada que o seu beneficiario, antes ou despois da concesión, incorreu en actos incompatibles coas ordes ao mérito de Policía Nacional ou Garda Civil.

Billy o Neno, que contaba con catro condecoracións, morreu por coronavirus en maio de 2020 sen que se lle retirasen as medallas nin o 50 % adicional de pensión que lle proporcionaban.

Fuentes policiais precisaron a EFE que polo menos hai sete expedientes identificados, catro relativos a gardas civís e tres policías nacionais.

Ilegalización de asociacións 

Ademais da revisión das condecoracións policiais, Marlaska tamén dispuxo a creación dunha Comisión de Estudo e Análise sobre a aplicación e os efectos da Lei de Memoria Democrática nos ámbitos competenciais do Ministerio.  

Entre outros aspectos, esta comisión preparará unha reforma da lei de Asociacións, para incluír como causa de disolución ou de revogación da súa declaración de utilidade pública a realización pública de apoloxía do franquismo con menosprezo e humillación da dignidade das súas vítimas ou incitación directa ou indirecta ao odio ou violencia contra as mesmas.  

Isto na práctica podería supor a ilegalización da Fundación Francisco Franco, que como recolle na súa propia páxina web ten como obxectivo "difundir e promover o estudo e coñecemento sobre a vida, o pensamento, o legado e a obra de Francisco Franco Bahamonde".

A comisión tamén revisará o proceso de retirada e eliminación de símbolos e elementos contrarios á memoria democrática que aparezan situados ou colocados en edificios ocupados por centros e unidades dependentes deste ministerio.  

Así mesmo, establecerá as condicións que permitan garantir e facilitar o dereito ao acceso libre, gratuíto e universal aos arquivos públicos, así como á consulta de documentos sobre o golpe de Estado, a guerra e a ditadura franquista que puidesen estar baixo custodia ou conservación do Ministerio do Interior.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade