Investigadores da USC recollen fondos para dar coa cura do glioblastoma
Investigadores da USC recollen fondos para dar coa cura do glioblastoma
Experimentan con radiofármacos e nanotecnoloxía contra o cancro cerebral máis común
Abriron unha campaña de micromecenado en busca de apoio privado
O glioblastoma é o máis común dos tumores cerebrais. Afecta sobre todo ás persoas maiores. Crece rápido, é moi agresivo e ten un prognóstico malo.
"Temos supervivencias case sempre inferiores a un ano. Os tratamentos están funcionando mal. Non avanzamos nos últimos anos e é unha situación realmente preocupante", explica o investigador Pablo Aguiar.
Pablo Aguiar codirixe unha investigación da Universidade de Santiago na busca dun radiofármaco eficaz que administrarían, grazas á nanotecnoloxía, desde o interior do tumor, para non afectar o resto de órganos do corpo. Xa están facendo probas con animais.
"Non estamos falando de algo que precise 20 anos de desenvolvemento, pero si tres ou catro anos. Que necesitamos?, que o noso tratamento sexa máis reproducible, que cando queremos tratar 20 pacientes sexa efectivo nos 20", matiza.
Para facilitar a investigación emprenderon unha campaña de micromecenado a través da plataforma Sumo Valor da Universidade de Santiago, que busca doazóns de institucións, empresas e da sociedade civil.
"Estamos falando dun tipo de cancro que non afecta a tantos pacientes como o cancro de pulmón e a industria farmacéutica ten un interese relativo neste tipo de proxectos. O financiamento non é tan grande coma noutros tipos de cancro", lamenta.
Pablo Aguiar subliña que esta investigación abre a porta ao tratamento doutras enfermidades, como o alzhéimer, o párkinson ou calquera doenza que requira levar un fármaco a unha parte concreta do cerebro.