Investigan a dona dunha axencia de viaxes de Abegondo por estafa
Investigan a dona dunha axencia de viaxes de Abegondo por estafa
Unha veciña de Zas acúsaa de non devolverlle 5.000 euros tras cancelar unha viaxe
Segundo a Garda Civil, a denunciada ten antecedentes por dous delitos similares
O corpo aconsella verificar a legalidade dos negocios e solicitar información por escrito
A Garda Civil de Vimianzo investiga a propietaria dunha axencia de viaxes de Abegondo por un suposto delito de estafa na contratación dun paquete vacacional.
A denuncia foi presentada por unha veciña de Zas que contratou unha viaxe por un importe total de 5.105 euros e non recibiu o reembolso tras cancelar a viaxe. Segundo informa o corpo armado, a denunciada ten antecedentes por dous delitos de estafa similares.
Segundo a denunciante, o 10 de maio de 2023 contratou un paquete vacacional a través da axencia e realizou o pago en dúas transferencias.
Posteriormente, o 25 de agosto de 2023, cancelou a viaxe por mor dunha emerxencia familiar. Aínda que a investigada aceptou nun primeiro momento a cancelación, comezou a eludir a clienta, con escusas e bloqueándoa telefonicamente.
O 10 de maio de 2024, a denunciante tentou novamente contactar coa axencia e logrou recibir un reembolso parcial de 805 euros en dúas transferencias, pero non o resto do diñeiro.
Nin reservas nin pagos
Durante a investigación, a Garda Civil descubriu que non se realizaron as reservas de voo e que a reserva do hotel foi cancelada sen efectuarse pago algún. Tamén constatou que a investigada ten antecedentes por dous delitos de estafa similares.
Ante as evidencias, o pasado día 4 procedeuse a tomar declaración á propietaria da axencia como investigada por un suposto delito de estafa. As dilixencias instruídas foron remitidas ao Xulgado de Garda de Corcubión.
Recomendacións
A Garda Civil recomenda verificar a legalidade das axencias á hora de contratar unha viaxe e solicitar a información por escrito, aparte e usar métodos de pago seguros.
Tamén aconsella desconfiar das ofertas demasiado boas ou gardar a correspondencia e evitar a presión para decidir rápido, así como denunciar se hai sospeita de fraude.