Investigan dous homes da Lama por envelenar e arrastrar unha cabra cun todo terreo
Investigan dous homes da Lama por envelenar e arrastrar unha cabra cun todo terreo
A Garda Civil cre que a intención era atraer lobos para abatelos
Investigan dous veciños da Lama, en Pontevedra, por empregar o cadáver envelenado dunha cabra como cebo para matar lobos.
Supostamente arrastraron o corpo do animal varios quilómetros, tirando del cun todo terreo. O obxectivo, deixar un rastro que chamase a atención dos lobos, para despois abatelos.
O Seprona abriu unha investigación para aclarar as circunstancias deste suposto delito. Os investigados son dous homes de 27 anos, que poderían ser acusados dun delito contra a protección da fora e a fauna.
Tras ver as imaxes dunha cámara de 'fototrampeo' situada na zona, os axentes do Seprona viron como o todo terreo arrastraba a cabra.
As análises realizadas no laboratorio revelaron que o cadáver contiña un veleno chamado 'fanamifos', cuxo principio activo se atopa na composición de dous produtos, catalogados como tóxicos e que son mortais por inhalación ou por inxestión. A súa comercialización está prohibida na Unión Europea desde o ano pasado.
A Garda Civil, tras localizar o todo terreo, logrou identificar os autores destes feitos.
As autoridades resaltan que a zona boscosa onde se atopou o animal envelenado trátase dun hábitat no que se ten documentado a presenza do lobo.
O arrastre do animal morto varios quilómetros por unha pista, engade a Garda Civil, ten como obxecto deixar un rastro que estimule o instinto depredador do lobo e, desta forma, eliminar exemplares desta especie.