Investíganse 27 talleres de despezamento da Coruña por mala xestión de gases fluorados
Investíganse 27 talleres de despezamento da Coruña por mala xestión de gases fluorados
O mal procedemento podería ter emitido 26,2 toneladas de CO2 á atmosfera
Responsables de 27 talleres de despezamento de coches da provincia da Coruña están a ser investigados por un delito medioambiental. Isto, debido á xestión errónea dos gases fluorados procedentes do aire acondicionado dos vehículos que trataban.
Segundo informa a Garda Civil, corpo responsable da investigación, o persoal de Seprona levou a cabo no pasado mes de marzo a inspección de 28 centros, dos que 27 presentaban irregularidades. Un operativo que recibía o nome de operación Weezing.
Os datos conclúen que eses centros de tratamento poderían ter emitido, deliberadamente, 26,2 toneladas de CO2 a atmosfera. A UE ten prohibido a liberación destes gases pola alta contaminación que provocan.
Para realizar a investigación, a Garda Civil reuniu información da Subdirección Xeral de Residuos da Consellería de Medio Ambiente. Esta autoridade é onde os establecementos deben presentar as súas declaracións anuais de residuos perigosos que se recuperan cando a vida útil dun coche chega á súa fin. Tamén da Xefatura Provincial de Tráfico, onde se debe comunicar a cantidade de vehículos que se descontaminan nas súas instalacións.
Está establecido que estes gases deben ser extraídos e acumulados nunhas bombonas específicas, ademais de facer unha memoria ambiental sobre eles. Desta forma quedaría rexistrada a cantidade recuperada de gases e o uso que se lle dá.