Publicador de contidos
Publicador de contidos

Irán presenta o seu primeiro mísil hipersónico

Irán presenta o seu primeiro mísil hipersónico

Irán únese así ao exclusivo club dos países que probaron este tipo de mísiles, como son os Estados Unidos, A China, Corea do Norte e Rusia

G24.gal 06/06/2023 10:41

Irán presentou o seu primeiro mísil hipersónico, capaz de burlar "todas as defensas antimísiles" grazas á súa alta velocidade superior á do son (Mach 5), informou a axencia estatal IRNA.

O mísil hipersónico Fattah, cun alcance de 1.400 quilómetros, foi presentado en presenza do presidente de Irán, Ebrahim Raisí, e o comandante en xefe da Garda Revolucionaria iraniana, Hosein Salamí.

O comandante de Forza Aeroespacial dos Gardiáns da Revolución, o xeneral Amir Ali Hajizadeh, cualificou o novo armamento como un “gran salto” na capacidade defensiva do país, de acordo con medios iranianos.

A fonte subliñou a capacidade de Fattah de voar a velocidades Mach 12-13 dentro e fóra da atmosfera e a súa alta manobrabilidade, o que lle axudaría a evitar os sistemas de defensa.

“Este novo mísil é capaz de burlar todos os sistemas de defensa antimísiles. O seu obxectivo son os sistemas de defensa antimísiles”, dixo Hajizadeh.

Irán únese así ao exclusivo club dos países que probaron este tipo de mísiles, como son os Estados Unidos, A China, Corea do Norte e Rusia.

O país persa desenvolveu durante o últimas catro décadas unha industria nacional armamentística, debido ao embargo internacional, con especial interese nos mísiles, e conta con varios que alcanzan os 2.000 quilómetros, suficiente para alcanzar Israel.

A finais de maio, Teherán presentou un novo mísil cun alcance de 2.000 quilómetros e unha cabeza explosiva de 1.500 quilos, equipado con motores de combustible líquido e máis preciso que versións anteriores.

Os mísiles balísticos iranianos son unha fonte de preocupación para Estados Unidos, Europa e algúns países de Oriente Medio, aínda que as autoridades de Teherán aseguran que só teñen unha función defensiva e disuasoria.

A presentación do mísil coincide coa reapertura este martes das misións diplomáticas iranianas en Arabia Saudita, despois de que os dous países rivais acordaran en marzo normalizar as súas relacións diplomáticas con mediación chinesa tras sete anos de ruptura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade