Javier, ferido no atropelo: "O peor é perder dous amigos de todos os días"
Javier, ferido no atropelo: "O peor é perder dous amigos de todos os días"
Coma todos os días, Javier González estaba xogando a partida con tres amigos o venres na terraza do bar O Chanco, en Santa Cristina de Cobres, no concello de Vilaboa. De súpeto, un coche que estaba aparcado diante precipitouse contra eles.
"Ten un toldo por fóra e nós estabamos dentro nunha mesa. Eu non me decatei de nada, só sentín o golpe e xa tirou a mesa, as cadeiras... Todo foi polo aire e eu quedei tirado. Non sabía nin o que fora", lembra aínda impresionado co acontecido.
Dous dos compañeiros faleceron atropelados. El e mais o cuarto xogador quedaron feridos leves.
"Ao darlle á mesa, apertoume contra atrás, contra a parede. Levei un golpe nas costas e aquí un pouco na coxa. Pero o meu non é nada, unha mazadura que non ten importancia ningunha".
Javier pasou dúas horas no hospital e logo recibiu a alta. Pero ten claro que o peor non vai ser a recuperación física.
"Eu mais o outro rapaz non levamos nada. Eles si, dous amigos de todos os días...", lamenta sen poder conter as bágoas.
Todo apunta a que o condutor, que deu negativo nas probas de alcol e drogas, confundiuse de marcha. O vehículo é automático.