Jorge Prado exhíbese en Suecia para remontar no Mundial
Jorge Prado exhíbese en Suecia para remontar no Mundial
O lucense gañou ambas mangas, a primeira remontando e a segunda liderando
Jorge Prado realizou unha das peores saídas da temporada no Gran Premio de Suecia que non fixo máis que dificultar a súa misión de superar a Gajser, colocándose na posición número once tralas primeiras curvas. Malia todo, o lucense puido repoñerse e nunha trepidante remonta na primeira manga conseguiu colocarse na cabeza de carreira. Especialmente espectacular foi o adiantamento ao seu rival polo campionato, Tim Gajser, nunha curva de esquerdas onde Prado se lanzou con todo ao interior e tivo éxito. Esta primeira manga finalizou co liderado de Prado, a segunda posición de Gajser e o terceiro posto para Febvre. O mellor desta tanda non foi soamente os tres puntos que Jorge Prado lle restou ao esloveno coa clasificación, senón a sensación de exhuberancia que estaba a deixar sobre a terra.
A quenda de tarde comezou de maneira completamente oposta. Prado saíu primeiro por diante de Herlings e con Gajser na quinta posición. Mentres Jorge aproveitaba este inicio fulgurante os seus dous principais rivais na clasificación xeral, Herlings e Gajser, pelexaban detrás súa pola segunda posición. As voltas avanzaban e cun terzo de carreira corrido Prado puxera 4 segundos entre os seus perseguidores e a súa moto. Sen cometer ningún erro, a actuación do lucense foi clínica, e superado outro terzo máis xa estaba a nove segundos de Herlings e Gajser. Nos últimos dez minutos chegoulle con manter o ritmo que estaban a propoñer dende atrás para finalizar primeiro por diante de Herlings, na segunda posición, e Gajser, na terceira.
Cunha das mellores actuacións de Jorge Prado o lucense consegue restarlle a Tim Gajser, quedando a tan só 17 puntos. Esta xa é unha actuación clave para súa remonta no título mundial.