Publicador de contidos
Publicador de contidos

Herlings dá un golpe de autoridade no GP de Letonia de MXGP

Herlings dá un golpe de autoridade no GP de Letonia de MXGP

O neerlandés impúxose nas dúas mangas do GP e na cualificación, recortando 9 puntos no mundial

Jorge Prado, que liderou as dúas mangas e rematou de segundo o GP, segue a ser o líder con 15 puntos de marxe

Rubén Fernández acabou no terceiro posto e primeira manga, pero fóra dos puntos na segunda por problemas mecánicos

Foto: MXGP
G24.gal 04/06/2023 13:22

Jorge Prado segue no liderado do Mundial de MXGP, pero o seu gran rival polo título, Jeffrey Herlings, fixo un pleno no GP de Letonia e achegouse a 15 puntos na xeral. 

Na primeira das quendas, Jorge Prado aproveitou a súa explosiva saída para colocarse de primeiro nada máis comezar a manga, e non abandonou ese posto de privilexio ata o treito final.

Jeffrey Herlings, o seu gran rival na loita polo título, estivo arriba xa desde o principio. Durante moitas voltas foi a roda do galego, ata que cometeu un erro na volta 8 que o levou ao chan. Cunha desvantaxe de máis de seis segundos, púxose outra vez mans a obra e, no xiro 14, adiantou a Prado para coller o liderado e impoñerse na primeira quenda.

Detrás de Prado entrou Rubén Fernández, nun meritorio terceiro posto na pista en que acadara o seu primeiro podio.

A segunda quenda tivo un inicio moi similar. Novo Holeshot para Jorge Prado, pero o lugués foi superado por Febvre axiña, e circulou na segunda prada ata que o pasou Herlings na 7ª volta. A partir de aí, o dos Países Baixos foi á busca de Febvre e, malia algún susto sobre a moto, acabouno superando na 13ª volta para completar o seu pleno de 60 puntos no Gran Premio. Jorge Prado entrou de terceiro por detrás de Febvre, o que lle deu o segundo posto no Gran Premio. "Jeffrey fixo un gran traballo, e marcho contento por manter a placa vermella. Pero temos que ser máis consistentes, e acadar vitorias", dicía Prado tras o Gran Premio.

Rubén Fernández marchaba de quinto ata que tivo que parar por un problema na roda dianteira, que o relegou ao 18º posto final, e noveno no GP. Arestora é o 4º no Mundial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar