Publicador de contidos
Publicador de contidos

José Antonio Zan: "Queremos que, se intervén Alcoa, a SEPI manteña parte das accións"

José Antonio Zan: "Queremos que, se intervén Alcoa, a SEPI manteña parte das accións"

O presidente do Comité de Empresa de Alcoa San Cibrao cre que a multinacional estadounidense quere despedir os traballadores da planta de alumina

José Antonio Zan pide que Transición Ecolóxica garanta a posta en marcha dos parques eólicos de que depende o funcionamento da fábrica

Confirma que hai diversas empresas interesadas en adquirir o complexo da Mariña se Alcoa decide desfacerse del

G24.gal 25/01/2024 09:48 Última actualización 25/01/2024 11:36

Os representantes dos traballadores de Alcoa en San Cibrao comezan a ver no horizonte un futuro no que xa non irán da man da multinacional do aluminio estadounidense. O peor dos supostos sería o peche, e no mellor dos casos sería cunha venda a outra empresa ou unha intervención pública da factoría, que sería temporal. Desde o comité apostan por esta última opción, e que cando o Estado venda quede cunha participación a través da SEPI.

A dirección de Alcoa trasladoulle á representación dos traballadores que quere adiar a posta en marcha da planta de aluminio primario sen ofrecer ningunha garantía de que retomará a produción. No comité de empresa están preocupados pola continuidade da compañía.

O asunto abordarase este venres na mesa de seguimento con Alcoa, o Goberno central, a Xunta e os traballadores. No Galicia por diante da Radio Galega, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, afirmou que o novo director executivo da multinacional está a ter unhas políticas moi agresivas, con despedimentos e desinvestimentos en todo o mundo, e que o lóxico é que cumpra co que se comprometeu a facer diante dos seus accionistas cando afirmou que a planta da Mariña non era viable economicamente e tería que pechala.

Lembra José Antonio Zan as palabras do responsable de Alcoa William Oplinger de que o único que facía falta para pechar a empresa era poñerse de acordo co comité. "Iso non é nin o que temos asinado nin é, moito menos, o que avalaron o ministerio e a consellería", sinalou.

Aposta pola intervención

Zan confirma que o comité non vai apoiar en ningún caso o peche do complexo e pídelles ás administracións, "sobre todo ao Goberno central, que é o que ten que poñer os medios e facer unha intervención".

Di que hai apoios políticos para facer unha emenda aos orzamentos xerais do Estado: "Sabemos que o PP tamén está a favor, porque Alberto Núñez Feijóo comprometeuse no seu día a apoiar a intervención cando era presidente da Xunta". Por outra parte, di que o Executivo central transmite que non van permitir que España deixe de fabricar aluminio primario.

Con todo, a dúbida do presidente do comité de empresa é coñecer a opinión do Ministerio de Transición Ecolóxica: "Precisamos que se meta neste barco e tamén se sume a esa solución para que a comarca e tamén as empresas auxiliares teñan futuro. Porque está en xogo o futuro de toda a Mariña, non só de Alcoa San Cibrao, senón de todas as empresas auxiliares e as que dependen delas".

Que o Estado permaneza entre os accionistas

Sobre como sería a intervención pública da fábrica, lembra Zan que xa se propuxo, e Alcoa estaba de acordo, que a SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) adquirise a planta. "Agora fálase de que a SEPI xestione a empresa seis meses e despois a venda a outra empresa industrial do sector". Entre as compañías interesadas na súa compra, revelou que están multinacionais punteiras como Trafigura, Sidenor ou Advanced, moitas delas interesadas tanto na fábrica de aluminio como na de alumina.

O que si que queren no comité de empresa é que se hai intervención por parte da SEPI, esta quede con parte do accionariado, para que teñan un asento no Consello de Administración e garantir que hai investimento: "E para que non nos vexamos como agora dentro de dez anos", resalta Zan.

Implicación de Transición Ecolóxica

Bota en falta a asistencia de representantes de Transición Ecolóxica ás diferentes xuntanzas: "Este venres verémolo, porque queremos que veña alguén dese ministerio". Da viabilidade da planta depende a posta en marcha de cinco parques eólicos.

Sobre o estatuto de empresas electrointensivas: "Sacouse ese real decreto, pero está sen desenvolver, os parques de Greenalia seguen no aire. Non se pode permitir un Estado sacar cinco parques importantísimos que son o 25 % do noso consumo enerxético catro días tarde. Iso non ten sentido", di Zan.

"Se non se aproba ese real decreto e se lexisla, o promotor [dos parques] vai denunciar e imos pagar todos pola incompetencia de alguén, que non sabemos quen foi, que o aprobou tarde". Tamén di, sobre Transición Ecolóxica: "Non ten sentido montar eólica e botar os traballadores para que as empresas non consuman e poder dicir que o 100 % do consumo do país é a base de renovables".

Si que constata Zan que Alcoa apoia unha posible intervención pública da planta e prefírea a vendérllela directamente a terceiros. "Xa pasou hai dous anos", di, "non lle interesa vender a un terceiro sen estar a SEPI por medio". Considera que, así, terá máis garantías xurídicas. "A SEPI será a responsable de escoller o comprador. Queremos que sexa así porque non queremos que nos venda Alcoa".

E insiste en que quere que se manteña presenza pública no accionariado da planta despois da súa venda: "Porque, igual que a empresa que entre vai ter beneficios, queremos que a cidadanía teña tamén eses beneficios económicos que dá o noso traballo".

Estratexia "agresiva" da compañía

Confirma tamén Zan: "Aínda que Alcoa asinou o compromiso de acender as cubas de electrólise en abril, agora pretende adiar o proceso; tamén temos as declaracións do director executivo diante da xunta de accionistas. Alguén cre que un CEO dunha empresa norteamericana lles vai dicir unha cousa aos accionistas e logo facer outra?", recalca. "Os seus xefes son os seus accionistas e dentro dun ano terá que dar explicacións".

Considera Zan sobre o director executivo actual, William Oplinger: "Mudou a política de empresa. Hai que ver o que fixeron en Australia. Pedíronlle permiso ao Goberno para ampliar a mina e ao mes de conseguilo despediron todos os traballadores dunha das plantas. Sexamos realistas; cun CEO que fai estas prácticas agresivas, non vale que Alcoa diga que vai cumprir ao mesmo tempo que ameaza o resto do cadro de traballadores", en referencia aos da planta de alumina, que non entran no compromiso asinado de continuidade ata 2027.

"Queremos unha solución integral e tamén para as empresas externas que están no acordo", asegura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade