José Gregorio Hernández, o beato venezolano que veneran e ao que lle rezan en Ramirás

Unha imaxe do beato viaxou desde Venezuela ata a parroquia de Santa María de Vilameá cumprindo os desexos de emigrantes retornados

G24.gal 20/11/2023 16:20

A imaxe do beato José Gregorio Hernández viaxou desde Venezuela ata a parroquia de Santa María de Vilameá, no concello ourensán de Ramirás. O motivo é a gran devoción que lle teñen os emigrantes retornados da comarca Terra de Celanova.

Unha familia da parroquia conseguiu os permisos eclesiásticos para traer unha talla e agora xa se pode venerar aquí o chamado médico dos pobres. 

Vestido coa bata branca, o seu sombreiro e co estetoscopio de médico, a imaxe do beato venezolano José Gregorio Hernández xa ocupa o seu lugar na parroquia de San María de Vilaza, en Ramirás. 

"É esa morriña. Dis: 'E nós non podiamos ter aquí o doutor José Gregorio'?", di Manuel Alejandro, emigrante retornado de Venezuela. "Todos eles, que agora están volvendo a Galicia, sempre tiveron moitísima devoción por el, ese rapaz que naceu en Isnotú, no estado de Trujillo, que sempre, desde pequeno, tivo vocación de médico", explica José Antonio Alejandro, quen trouxo a imaxe do beado desde Venezuela.

Un desexo de toda a comunidade de emigrantes retornados, moi devotos del, e que foi posible grazas ao empeño de José Antonio e a súa familia. "Algo grande, non só para min, senón para os veciños da comarca que convivimos alí en Venezuela", relata Manuel Alejandro.

Beatificado o ano pasado polo papa Francisco e pendente de santificación, o párroco de Vilameá autorizou a súa entronización nunha misa ateigada de fregueses.

"Creo que a paixón e a devoción polo santiño é libre e de todos e notouse o domingo. Esperemos que a xente ao saber xa que a imaxe está aquí poida seguir vindo e telo un pouco máis pretiño", agarda José Antonio.

Como fixeran antano cos santos que veneraban en Galicia e que levaron para Caracas, agora teñen aquí a José Gregorio para curalos de enfermidades. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade