José Julio Fernández: "O perigo é que a guerra en Ucraína se estanque"
José Julio Fernández: "O perigo é que a guerra en Ucraína se estanque"
O director do Centro de Estudos de Seguridade da USC, José Julio Fernández, teme que a guerra se estanque e prevaleza nos dous bandos a lóxica agresiva da vitoria final
Nunha entrevista na Radio Galega asegura que as declaracións deste martes dos presidentes de Rusia e dos Estados Unidos alicerzan o mesmo discurso belicista
O director do Centro de Estudos de Seguridade da USC, José Julio Fernández, non observa ningunha vontade de abrir vías de distensión e diálogo polas partes implicadas na guerra en Ucraína. Asegura que os últimos xestos das grandes potencias redundan na lóxica belicista que invocan os líderes rusos, ucraínos, estadounidenses e europeos.
Para o profesor Fernández, o rearmamento ruso e ucraíno fai prever uns meses de incerteza sobre a marcha da guerra, sobre a capacidade militar das dúas partes e sobre a posibilidade, agora moi afastada, dunha saída pactada do conflito.
"Parece que hai un esgotamento das capacidades de Rusia e Ucraína para continuar no conflito, pero o que imos seguir vendo é que Occidente vai continuar apoiando a Ucraína, o que significa que o conflito pode reactivarse desde o punto de vista ucraíno. Veremos se Rusia ten capacidade de resposta ou non".
"Todos os analistas pensabamos que Rusia tiña máis capacidades bélicas e organizativas e non as ten. Imos vivir uns meses de incerteza. Chegarán máis armas novas, os carros de combate Leopard, os Abrams norteamericanos, non sabemos se chegarán os F-16... Nesta primavera veremos se Rusia é capaz de manter a presión militar ou as armas occidentais dan un golpe enriba da mesa".
"As mensaxes que están dando os líderes Putin e Biden están na mesma liña agresiva, en mandar a mensaxe de levar a guerra ata o final. Non valoro que haxa novidades estratéxicas ou simbólicas no marco desta situación negativa do conflito".
"Rusia xa non está cooperando co mundo occidental para o control de armas, así que a suspensión do tratado START III non supón un cambio cualitativo. Pero é negativo, porque a lóxica nuclear engade máis problemática a unha guerra xa de seu moi triste e moi negativa".
"Europa está tamén metida nesa lóxica belicista un pouco negativa para o século XXI. Parece que estamos aínda no século XX e o importante fose a actuación e a vitoria militar e os dereitos humanos quedasen nun segundo plano".