José Ramón Gómez Besteiro será nomeado delegado do Goberno en Galicia
José Ramón Gómez Besteiro será nomeado delegado do Goberno en Galicia
Chega ao cargo en substitución de José Miñones, que deixa o posto para asumir o Ministerio de Sanidade
O que fora secretario xeral do PSdeG entre 2013 e 2016 José Ramón Gómez Besteiro será nomeado este martes polo Consello de Ministros novo delegado do Goberno en Galicia.
Así o confirmaron fontes socialistas, que detallan que o expresidente da Deputación de Lugo ocupará a Delegación do Goberno en substitución de José Miñones, que deixa o cargo para asumir o Ministerio de Sanidade.
José Ramón Gómez Besteiro volve á primeira liña política co seu nomeamento como delegado do Goberno após permanecer sete anos apartado do foco mediático. O que fora secretario xeral do PSdeG entre 2013 e 2016 decidiu dar un paso á beira e dimitir como líder do partido en Galicia tras ser investigado pola xuíza Pilar de Lara en relación con varios delitos, todos eles arquivados.
Desde a súa saída da Secretaría Xeral do PSdeG, Gómez Besteiro permaneceu apartado do foco mediático e só se deixou ver en público en contadas ocasións, como no último congreso celebrado polo PSdeG, no que Valentín González Formoso asumiu as rendas do partido.
Posible candidato á Xunta
Besteiro volve á primeira liña política nun contexto en que o PSdeG aínda non despexou a incógnita sobre quen será o seu candidato á Presidencia da Xunta. Aínda que tamén se pode interpretar que o nomeamento de Miñones como ministro de Sanidade o achega a esta posible carreira.
O actual líder do PSdeG Valentín González Formoso xa confirmou que optará á reelección como candidato á Alcaldía das Pontes (A Coruña), dixo que estaría disposto a dar un paso á beira e a apoiar a Besteiro como candidato á Xunta se este decidise postularse.
Traxectoria política
Licenciado en Dereito e militante socialista desde que acabou a carreira, Besteiro entrou en política da man do exalcalde de Lugo Xosé López Orozco, quen o introduciu na corporación en 1999. Edil de Urbanismo e portavoz do goberno local, ascendeu en 2007 á Presidencia da Deputación lucense, case en paralelo á súa promoción dentro do partido: despois de dirixir o partido no ámbito local acabou sendo elixido secretario provincial por aclamación.
En 2013 fíxose coas rendas do partido en Galicia tras gañar as primarias ao entón alcalde da Illa de Arousa (Pontevedra) Manel Vázquez cun 77 por cento dos votos. Deste xeito, en setembro de 2013 sucedeu a Pachi Vázquez, quen despois foi un dos seus principais rivais internos.
Despois de dous anos e medio á fronte do partido en Galicia, en marzo de 2016 deixou a formación polas investigacións xudiciais levantadas contra el pola xuíza Pilar de Lara, que, anos despois, foron arquivadas. Tras a súa marcha, pasou a dirixir o partido unha xestora capitaneada pola que ata daquela fora o seu número dous, Pilar Cancela.