Publicador de contidos
Publicador de contidos

JxCat avisa: sen unha amnistía "integral" o PSOE incumprirá o pacto de investidura

JxCat avisa: sen unha amnistía "integral" o PSOE incumprirá o pacto de investidura

O Goberno confía en aprobar xunto a Junts unha lei de amnistía con "seguridade xurídica"

Feijóo sinala que o Executivo de Sánchez está "humillado de forma constante"e está con "respiración asistida"

Os presupostos, no foco tras a votación en contra de Junts á lei de amnistía

A voceira de Junts, Miriam Nogueras, este martes saíndo do Congreso (EFE/ Daniel González)
G24.gal 31/01/2024 10:43 Última actualización 31/01/2024 13:27

O secretario xeral de JxCat, Jordi Turull, advertiu este mércores o PSOE de que se non se aproba unha lei de amnistía "integral" que se aplique de maneira "inmediata", estaría a incumprir o pacto para a investidura de Pedro Sánchez.

Así o dixo en declaracións a RAC1 o día despois de que os sete deputados de JxCat votaran en contra da lei de amnistía no Congreso dos Deputados, o que atrasa a súa tramitación, xa que o texto volve á Comisión de Xustiza e reábrese a posibilidade de negociar cambios.

Segundo dixo Turull, o pacto co PSOE para a investidura era "para resolver o conflito político" entre Cataluña e España: "A base era a lei de amnistía e que non quede xente pendente. Se esta base falla, ao resto non fai falta nin que cheguemos", expresou.

"Non había vías de auga, pero abríronas a marteladas e agora témolas que blindar", ilustrou Turull sobre a lei que se votou onte e que, segundo o secretario xeral de Junts, aínda hai marxe para reforzar en comisión.

Para JxCat, a lei de amnistía debe cubrir "a todos os represaliados" do proceso soberanista, desde as causas do 1- ata os CDR da operación Judas ou o "caso Volhov".

Pola súa banda, a portavoz de JxCat no Congreso, Míriam Nogueras, sinalou que a lei de amnistía debe ser unha lei que protexa "do mal uso que fai a cúpula xudicial española" das normas.

"Todos estamos expostos a esta arbitrariedade da cúpula xudicial española e por iso pedimos ao Goberno que exerza a autoridade que ten ante estes feitos que son inaceptables", asegurou en declaracións a TV3.

Nogueras tamén lanzou un dardo aos que criticaron a JxCat por votar non onte á norma no Congreso: "Os que nos rifan e teñen tanta présa tiveron catro anos para facer a lei de amnistía. E ata que Junts non apareceu na ecuación, a amnistía non se puxo encima da mesa", sinalou. 

O Goberno confía en aprobar unha lei de amnistía con "seguridade xurídica"

O Goberno instou este mércores a Junts a reconsiderar a súa posición, tras o seu rexeitamento a véspera á lei de amnistía, e confiou en que o texto salga do Congreso con plena "seguridade xurídica", aínda que ve unha estreita marxe para facer algunha modificación ao xa pactado.

Varios ministros, entre eles María Jesús Montero, Félix Bolaños e Pilar Alegría, remarcaron en varias entrevistas en radio e televisión a súa confianza en que a lei de amnistía salga adiante, sen que supoña un final anticipado da lexislatura.

Bolaños, na Ser, foi tallante nese sentido: "A lexislatura non a decide ningún grupo, decídea o presidente, vai durar tres anos e medio".

Sobre se aceptarán algún cambio no texto, despois de que o PSOE votase en contra das emendas de Junts, Bolaños apuntou que "hai que traballala co mesmo rigor" que nos meses anteriores, porque "non é unha lei que se poida improvisar", e engadiu: "Garanto que cando se aprobe será así de impecable".

A portavoz do Goberno, Pilar Alegría, con todo, en Catalunya Radio, mostrouse máis remisa a modificacións, ao subliñar que o texto da proposición de lei orgánica era xa "absolutamente impoluto desde o punto de vista da seguridade xurídica e constitucional", e engadir: "Estamos convencidos de que ese é o documento que ten que aprobarse finalmente". Con todo, Alegría tamén pediu a Junts "continuar co diálogo" que tiveron nos últimos meses.

Na mesma liña, a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, lamentou en TVE que Junts rexeitase a lei despois de pactar o texto "ata en catro ocasións" e votar a favor previamente en comisión, e pediulle que recapacite.

Ademais, comentou que sempre hai "marxe para negociar" e para incorporar "novas cuestións", aínda que subliñou que o texto que foi levado ao pleno "tiña todas as garantías para ser un texto constitucional" e que os cambios que quería introducir Junts "non tiñan esas premisas".

Feijóo cre que o Goberno non cedeu ante JxCat porque hoxe acode a Europa

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, defendeu que se o Goberno non aceptou onte os cambios que Junts lle esixiu para aprobar a lei de amnistía foi porque o ministro de Presidencia e Xustiza, Félix Bolaños, reúnese hoxe, mércores, co comisario de Xustiza europeo, Didier Reynders.

O líder da oposición sostivo nunha entrevista con Antena 3 que Bolaños non podía acudir a Bruxelas "cun texto aínda máis obsceno" porque Europa está a mirar a España e preguntándose "se isto é Hungría".

Un día despois de que o non de Junts á amnistía impida a súa aprobación e devolva o texto á Comisión de Xustiza, Feijóo sinalou que o Executivo de Pedro Sánchez está "humillado de forma constante", perdeu " o control" e está con "respiración asistida" nunha lexislatura que dependerá do que diga o expresident da Generalitat Carles Puigdemont.

En todo caso, non considera que onte se producise un "feito definitivo na lexislatura" xa que houbo un acordo para o ditame, pero "discrepancia nalgunha emenda" e "nada máis" e agora o PSOE ten un mes para aceptar novos cambios.

Ademais, vaticinou que xa co texto actual Europa parará a amnistía porque "non pasa o filtro europeo como está" e será freada no Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

O deputado de ERC Ruben Wagensberg marcha a Suíza

O deputado de ERC no Parlament Ruben Wagensberg, investigado pola causa de Tsunami Democràtic, trasladouse a Suíza para preparar o seu defensa xurídica.

O pasado mes de novembro, o xuíz da Audiencia Nacional Manuel García-Castellón pediu ao Tribunal Supremo que investigue por un delito de terrorismo na causa de Tsunami Democràtic o expresidente catalán Carles Puigdemont; a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, e outras dez persoas, entre elas Wagensberg.

Wagensberg explicou que ten "medo" a sufrir unha "detención arbitraria" e que lle dá "pánico a volver a Cataluña vendo como se está poñendo a situación".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade