Lalín acolle esta fin de semana Alvariza, a III Feira Internacional de Apicultura
Lalín acolle esta fin de semana Alvariza, a III Feira Internacional de Apicultura
Celebrarase o sábado 27 e o domingo 28 de xaneiro na carpa da Festa do Cocido, no Campo da Feira da capital do Deza
Haberá máis de 60 expositores galegos e internacionais de todo tipo de produtos vencellados ao mundo da apicultura
O programa inclúe relatorios e charlas técnicas, degustacións, catas e actividades para os máis cativos
Galicia conta con case 5.000 explotacións apícolas, con máis de 218.000 colmeas que producen unhas 2.300 toneladas de mel ao ano, e que se caracteriza pola diversidade da flora e dos territorios da nosa terra. Un destes territorios é a serra do Candán, en Lalín, onde aínda persisten as alvarizas tradicionais que se facían para protexer as colmeas do oso e que manteñen apicultores como David Liñares.
Hai 24 anos decidiu dedicarse profesionalmente a esta actividade e na actualidade conta con 600 colmeas, das que extrae uns 8.000 quilos de mel baixo a marca Mel de Liñares. Da súa inquedanza por promover a actividade apícola no Deza e en toda Galicia xurdiu hai tres anos a Feira Alvariza.
"Gústame moito o tema da apicultura, ía moito a feiras de apicultura, e para facer unha feira destas técnicas tiña que ir a Zamora, Torrelavega, Pastrana... e dixen, en Galicia temos bastante potencial no tema apícola, temos feiras aquí, que as asociacións fan feiras entre elas, cada asociación ten a súa feira, entón eu botaba en falta unha feira que nos englobara a todos. Entón ocorréuseme a idea, fun ao concello con ela, presenteille varias opcións e escolleron o tema da feira".
Decidiuse vencellala ao grande evento gastronómico de Lalín, a Festa do Cocido, e este ano celébrase na fin de semana do 27 e 28 de xaneiro na carpa situada no Campo da Feira. Como di David, “é unha pata máis da feira do cocido, e neste caso tamén hai que resaltar que o mel é unha parte importante do cocido porque ao final entre as sobremesas están as filloas, as filloas con mel, entón tamén está dalgunha maneira vinculado co tema do cocido. Despois tradicionalmente a serra do Candán é unha zona de mel desde hai moitos anos. Entón axuda un pouco o tema do cocido, a simbiose que fai con esta feira".
Desta volta, Alvariza, a III Feira Internacional da Apicultura de Lalín, contará coa presenza de máis de 60 expositores, non só de mel, senón de todo tipo de subministracións relacionadas coa actividade apícola.
“A idea era esa un pouco, facer unha feira que sexa para todos, tanto para os apicultores profesionais, para os apicultores que son semiprofesionais, xente que se quere iniciar ao mundo da apicultura, xente que lles gusta o mel ou simplemente xente que quere vir pasar un domingo agradable a Lalín. Despois a idea disto era que a xente teña na mente a finais de xaneiro, primeiros de febreiro é a feira Alvariza en Lalín, entón a xente que necesite comprar material, que poida compralo aquí porque ten fabricantes, ten distribuidores, a xente que queira comprar mel ten a oportunidade de coñecer aos produtores, despois temos a ocasión de facer degustacións, de mel, facer demostracións de cociña, os cativos teñen actividades relacionadas co tema do mel, temos un programa un pouco amplo para toda a xente para facer un encontro xeral de todo o mundo".
A parte divulgativa ten unha importancia especial nesta feira, con relatorios e charlas técnicas sábado e domingo sobre como identificar as distintas razas de abellas, mitos e realidades das alerxias ás abellas, a cuantificación da súa importancia económica e social, as enfermidades nos apiarios ou a elaboración de novos produtos, como o hidromel.
E para os máis larpeiros, David Liñares destaca que haberá catas, degustacións e demostracións culinarias os dous días da feira.
"Esa é unha parte que está pensada para o público en xeral, incluso para os apicultores, porque os que somos apicultores sempre queremos probar cousas distintas, ver o que se fai noutros sitios, ver as distintas formas de facer os meles, e para o público en xeral terán as catas da denominación de orixe, onde lles guiarán na cata, explicaranlle os diferentes tipos de meles que hai, como catalos, como buscar as diferencias. Despois teremos unha zona na feira que lle chamamos Recantos de Galicia, na que estarán os meles premiados da Denominación de Orixe, ademais dos meles dos distintos produtores locais que están participando na feira, é unha zona de cata libre, calquera persoa que se achegue pode ir alí, probar o mel, probar un, probar outro, volvelos reprobar, teñen moita opción de catar distintos tipos de meles. En canto aos showcookings o produto estrela sería neste caso o mel e faranse pratos elaborados a base de mel e a xente poderá ver que o mel tamén se pode empregar na cociña, non é moi típico en Galicia utilizar o mel na cociña pero en moitos países si que é común, entón que podan probar elaborados con mel".
Nesta terceira edición, que se celebrará o sábado 27 e o domingo 28 de xaneiro, a feira Alvariza de Lalín quere consolidarse como o gran punto de encontro do sector apícola galego.