Lalín recrea a matanza tradicional do porco na parroquia de Catasós
Os veciños preparan durante meses todo o proceso, desde a matanza ata o curado dos chourizos
Este ano foi a primeira vez que unha muller exerceu de matachina
Catasós celebrou esta mañá a matanza tradicional do porco na Casa de Amorín. Un animal de preto de 200 quilos, lalaíno, fillo de nai celta e pai Duroc, foi a vítima desta matanza tradicional que se celebra cada ano nunha parroquia de Lalín.
"Estamos recreando a matanza do porco e levamos xa dous meses traballando. Todo o que é o proceso de matar, chamuscar, lavar, abrilo, facer os chourizos, afumar... O que se facía antes en varios meses nas casas particulares e nalgunha aínda se segue facendo, pero vai decaendo a cousa", relata Antonio Fernández, presidente da asociación de veciños de Catasós.
Un proceso traballoso que reunía arredor do porco familias e veciñanza. Facía falta xente para termar del e que non se movese á hora de cravarlle o coitelo. Un labor que en Catasós, tamén é cousa de mulleres.
"Empecei aos 17 anos. Meu pai xa era maior e díxenlle que me dese o coitelo que llo metía eu ao porco. Díxome que si, que sen problema. Eu miraba como el facía e desde aquela estou matando", conta María Luísa Batán, a matachina da parroquia.
E despois de matalo o traballo continúa, neste caso ante a expectación da veciñanza. Primeiro tocou chamuscalo con carqueixa e palla para quitarlle o pelo; abrilo e apartar as tripas para lavalas porque falta van facer para os chourizos.
Deixamos os veciños de Catasós co porco deste ano colgado. 190 quilos pesou o animal en canal, e como del todo se come, dará para ben cocidos no que queda de inverno.