Publicador de contidos
Publicador de contidos

Lanóbriga, un paseo virtual polo poboado castrexo de San Cibrao de Las

Lanóbriga, un paseo virtual polo poboado castrexo de San Cibrao de Las

O proxecto en 3D será presentado oficialmente a finais deste ano

O obxectivo é levar a cultura castrexa ao metaverso e aos videoxogos

G24.gal 09/04/2023 14:29 Última actualización 09/04/2023 16:19

Finalizamos cun paseo virtual que nos leva 2.000 anos atrás, a Lanóbriga, unha cidade galaica situada en San Cibrao de Las, en Ourense. Este proxecto, que recrea en 3D un dos asentamentos castrexos máis grandes, será presentado publicamente a finais deste ano. Os seus promotores queren levar o mundo galaico ao metaverso e os videoxogos para atraer a xente nova.

Este vídeo de case 10 minutos concentra anos de traballo e é a primeira presentación visual deste proxecto no que traballa o Centro Infográfico Avanzado de Galicia. Nunha primeira fase reconstruíuse en 3D este asentamento prerrománico, situado en San Cibrao de Las, que estivo habitado durante catro séculos, e do que aínda queda moito por descubrir.

 "É un proxecto que ten unhas características moi especiais porque o fixo un arquitecto, non foi un castro que medrou aleatoriamente aumentado as casiñas, houbo un mestre mateo galaico que deseñou con rúas radiais a cidade de Las", explica Carlos Paz, membro de CIAG.

De momento, será un paseo virtual por esta cidade galaica de Lanóbriga, como se chamaba orixinalmente, pero os responsables do proxecto traballan xa na segunda fase, trasladando ao mundo virtual todos os utensilios da vida diaria de hai 2.000 anos, como teares, cerámicas ou lareiras.

Despois chegarán os habitantes virtuais que nos mostrarán a cidade e cos que se poderá interactuar, nun metaverso galaico que tamén quere chegar aos videoxogos.

 "Que se converta nun prototipo para a cultura galaica porque non existían uns prototipos tipolóxicos que se poidan adaptar a calquera castro, non? Entonces queremos 'gamificar', que a rapazada poida coñecer o mundo galaico interactuando con videoxogos e, en fin, poñendo unha semente para o futuro".

E así, vendo e vivindo no poboado, contribuír a cambiar a percepción da cultura castrexa, moitas veces errónea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade