Lanzamento da versión completa do videoxogo de creación galega The Waylanders
Lanzamento da versión completa do videoxogo de creación galega The Waylanders
The Waylanders está inspirado na Galicia celta e medieval
O lanzamento da versión completa do videoxogo creado pola empresa galega Studio Gato Salvaje permite aos afeccionados gozaren da experiencia desta viaxe ata o final
No verán de 2020 foi a estrea inicial The Waylanders. Desde entón e ata o de agora foi actualizándose coas achegas dos propios xogadores. Sergio Prieto, director de Studio Gato Salvaje, amósase satisfeito polas melloras que acadou o videoxogo.
Mantemos esta conversa co director do Studio Gato Salvaje na praia das Lapas, na contorna da Torre de Hércules, un dos escenarios do videoxogo. The Waylanders discorre entre dous mundos inspirados en Galicia, o celta e o medieval, que recrea con todo detalle. Considera Sergio Prieto que este xogo é axeitado especialmente para as persoas dos 30 aos 40 anos polas chiscadelas que se fan no contido.
O videoxogo está dispoñible en seis idiomas. Tamén hai unha versión en galego que se ampliará nun futuro coa dobraxe de todo o xogo á nosa lingua.
Tras o lanzamento da versión completa de The Waylanders os afeccionados aos xogos de rol xa poden gozar da experiencia desta viaxe ata o final.