Laza celebra o Luns Borralleiro: a Morena desata a apoteose
Laza celebra o Luns Borralleiro: a Morena desata a apoteose
Milleiros de persoas retoman a festa despois dos anos de pandemia
O Luns Borralleiro, día grande do Entroido de Laza, celebrou esta tarde a baixada da Morena. Desde primeira hora da tarde, a praza xa estaba ateigada de xente que agardaba a chegada da Morena desde Cimadevila. Coma sempre, fíxose esperar.
Non chegou ata preto das sete da tarde, coincidindo coa chuvia, que non espantou os numerosos asistentes. Con ela, os toxos, a fariña, o burro e, por suposto, as formigas rabiosas.
Unha apoteose de dez minutos de duración en que Laza rebenta de emoción.
O Luns Borralleiro do Entroido da vila ourensá de Laza comezou coa ancestral Farrapada.
"A verdade é que hoxe é o día potente aquí no Entroido de Laza", di un dos participantes na festa.
"Todos os entroidos que son ancestrais, pois a verdade que chaman. Entroidos do pobo, a xente participa toda, e iso é o que chama".
Tras varios días de festa aínda seguen intactas as ganas de troula, á que se apunta xente de lugares tan afastados coma os Estados Unidos.
"Escoitamos unha persoa da Coruña que aquí está o triángulo máxico e queriamos ver como se celebra o Entroido aquí nas vilas".
Todas e todos ben provistos e protexidos para participar na batalla en que se utilizan como arma trapos manchados de lama e da que é difícil saír indemne.
"Bastante evidente a batalla campal, e aínda segue o asunto".
É que todo vale no Entroido sempre que se trate de pasalo ben.