Publicador de contidos
Publicador de contidos

Lei de protección dixital: novos delitos, acceso a contidos, formación dos menores e control das familias

Lei de protección dixital: novos delitos, acceso a contidos, formación dos menores e control das familias

O Consello de Minisitros arpobou o anteproxecto que incluirá a reforma do Código Penal con ordes de afastamento virtual ou a tipificación do grooming e as ultrafalsificacións

A norma inclúe a obriga de incorporar de fábrica o control parental en todos os móbiles, tabletas, computadores e televisións intelixentes

Ao mesmo tempo vaise elaborar unha estratexia nacional para a protección da infancia que impulsará un plan de alfabetización dixital

Arquivo (Europa Press)
G24.gal 04/06/2024 14:32 Última actualización 04/06/2024 16:36

O Consello de Ministros aprobou este martes o anteproxecto de lei para a protección de menores en contornas dixitais, que inclúe, entre outras cousas, ordes de afastamento virtual, test pediátricos para detectar usos inadecuados, penas pola difusión e creación con intelixencia artificial de contido sexual ou vexatorio, así como a imposición obrigatoria e gratuíta de controis parentais en todos os dispositivos dixitais e etiquetaxe informativa, entre outras medidas.

Na elaboración do texto interviñeron os ministerios da Presidencia e Xustiza, Mocidade e Infancia, Transformación Dixital e Dereitos Sociais, entre outros. O responsable de Xustiza, Félix Bolaños, aseguraba que "está en xogo a saúde, o benestar e a seguridade dos nenos, as nenas e os adolescentes neste país, e tamén a tranquilidade das nosas familias".

Bolaños explicou as reformas legais que inclúe a lei na conferencia de prensa posterior á xuntanza do Consello de Ministros. 

"Eses riscos que todos coñecemos que son contidos inapropiados, ciberacoso, problemas de adicción ás pantallas aos que temos que poñer coto desde este instrumento lexislativo", dendía o ministro.

Delitos na contorna dixital con menores como vítimas

Por unha parte, refórmase o Código Penal. Nel vanse incluír novas formas de delito ou agravantes como a practica do grooming, na que un adulto se fai pasar por un menor en Internet para establecer contacto con nenos e adolescentes, coa intención de facerlles chantaxe ou abusar deles. 

Tamén se van perseguir as ultrafalsificacións, como os deepfakes pornográficos, pola difusión e creación con intelixencia artificial de contido sexual ou vexatorio. Así mesmo, inclúe a modificación do artigo 39 do Código penal para incluír ordes de afastamento virtual para quen cometa delitos en espazos dixitais.

Acceso e uso dos nenos e nenas aos dispositivos e contidos

A norma inclúe a obriga de incorporar de fábrica o control parental en todos os móbiles, tabletas, computadores e televisións intelixentes. Está previsto que este sistema apareza por defecto en todos os dispositivos e que se poida configurar unha vez aceso.    

Ademais, engade revisións pediátricas, onde se realizarán test para identificar se os menores están a facer un uso inadecuado dos dispositivos electrónicos. Dentro dese ámbito sanitario, amais dese protocolo para detectar adicións, apóstase pola creación de centros especializados para atendelas.

Desde Transición Dixital ultímase un mecanismo de verificación de idade que sexa realmente efectivo, xa que ademais vaise elevar de 14 a 16 anos a idade para prestar consentimento para o tratamento de datos de carácter persoal no seu acceso a redes sociais.

Prohibe o acceso dos menores a mecanismos aleatorios de recompensa en videoxogos e plataformas (loot boxes) e obriga tanto ás plataformas de intercambio de vídeos a establecer ligazóns ás canles de denuncias como aos 'nfluencers a avisar de que o contido que están a difundir é potencialmente prexudicial para o desenvolvemento físico, mental ou moral de nenos.

Doutra banda, a regulación consolida os dereitos dos menores de idade na contorna dixital, a través do artigo 2, que establece que "teñen dereito a recibir información suficiente e necesaria nunha forma e linguaxe apropiado segundo a idade sobre o uso das tecnoloxías, así como dos seus dereitos e dos riscos asociados á contorna dixital".

Así a regulación consagra, por primeira vez, os dereitos dos menores na contorna dixital como á intimidade, á propia imaxe, ao secreto das comunicacións e a protección dos datos persoais e o acceso a contidos adecuados á idade.

Estratexia nacional para a protección da infancia

Entre as medidas que contempla está o desenvolvemento dunha Estratexia nacional para a protección da infancia e a mocidade nas contornas dixitais. Vaina liderar o Ministerio de Mocidade e Infancia e apoiarase no informe do grupo de 50 expertas e expertos conformado recentemente por este departamento.

Na Estratexia incluirase a etiquetaxe dos contidos dixitais, con linguaxe accesible, onde se engadirán advertencias se este non é apto para menores de idade. Igualmente, no ámbito educativo, recollerá un plan de alfabetización dixital, con mecanismos concretos que dean ás menores ferramentas e autonomía cos dispositivos tecnolóxicos para combater loiadas. Realizarase en materias de primaria e secundaria.

Fontes do Goberno apuntaron que o anteproxecto de lei vai acompañado por un diagnóstico sobre o impacto das contornas dixitais en menores de idade realizado polo Ministerio de Mocidade e Infancia, coas primeiras achegas do grupo de 50 expertos.

Igualmente, explicaron que este comité presentará o seu informe o 20 de xuño no plenario e de forma pública posteriormente, para a elaboración da Estratexia, que terá medidas cun alcance temporal maior.  

O Ministerio anunciou en decembro a creación deste grupo de expertos para realizar un diagnóstico e expor un plan de acción para protexer aos menores da exposición aos móbiles e ás pantallas en xeral.

O diagnóstico que acompaña o anteproxecto atópase que a idade media de ter o primeiro móbil é de 10,96 anos (11 anos), segundo o informe Impacto da tecnoloxía na adolescencia. Relacións, riscos e oportunidades, elaborado en 2021 por Unicef.  

Segundo este mesmo estudo, o 94,8 % dos adolescentes dispón dun teléfono móbil con Internet e un 90,8 % conéctase todos ou case todos os días. Así mesmo, case o 49,6 % dos adolescentes usa Internet máis de 5 horas ao día as fins de semana e un 31,6% fai ese mesmo uso entre semana. Ademais, o 98,5 % de adolescentes está rexistrado nalgunha rede social e ata un 83,5 % estao en tres ou máis de tres.  

Doutra banda, os principais usos que fan os mozos da contorna dixital son para comunicarse (84,1 %), buscar información (83,6 %) e lecer dixital (79,9 %), segundo o estudo Consumir, crear, xogar. Panorámica do lecer dixital da mocidade, de Fad Mocidade.  

Pola súa banda, a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda no seu Plan de Acción 2013-2030 reorganizar as contornas que inflúen na saúde mental.    

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade