Albares: "A reforma lingüística circunscríbese ao caso de España"
Albares: "A reforma lingüística circunscríbese ao caso de España"
España defende que a incoporación do catalán, vasco e o galego á UE non se poderá trasladar ás posibles reivindicacións que poidan facer outras minorías nacionais
"Non creo que neste momento este sexa o tema número un que debamos discutir", advertiu Letonia
JxCat esixe unha "data de aprobación definitiva" do catalán na UE
O ministro de Asuntos Exteriores en funcións, José Manuel Albares, defendeu que a incorporación do catalán, o vasco e o galego como linguas oficiais da Unión Europea (UE) é un caso "único" de España que non se poderá trasladar ás posibles reivindicacións que poidan facer outras minorías nacionais.
Albares volveu defender hoxe ante os seus socios europeos a proposta de España para incorporar as tres linguas ao réxime lingüístico europeo, nunha reunión na que non se tomou ningunha decisión e que terminou co compromiso de seguir resolvendo cuestións a nivel técnico, como o custo da medida.
"A reforma proposta circunscríbese exclusivamente ao caso de España, dado que cumpre uns requisitos únicos na UE e por tanto, outras linguas non poderán ampararse nesta reforma se o Estado membro non o desexa", asegurou o ministro nunha conferencia de prensa, despois de que os Vinte e sete volvesen discutir a cuestión.
Albares insistiu na "especificidade" do caso español, dado que a Constitución española recoñece a cooficialidade, polo feito de que xa se pode falar nos tres idiomas no Congreso dos Deputados, porque España xa ten acordos administrativos coa UE para poder utilizalas e porque o Goberno en funcións comprometeuse a asumir o custo da medida.
O ministro non quixo detallar canto custaría a medida, porque, segundo dixo, é algo que lle corresponde calcular á Comisión Europea.
Por iso, España -que ostenta a presidencia rotatoria da UE- pediu un informe ao Executivo comunitario o martes da semana pasada, para que aclare esta cuestión.
Cos seus argumentos, Albares tratou de liquidar as dúbidas que ata o de agora expuxeron varios dos países europeos, especialmente os bálticos, dado que temen que a súa minoría rusoparlante poida reivindicar a cooficialidade das linguas na UE.
Letonia, ademais, descartou que o catalán, o vasco e o galego se poidan incorporar pronto ao réxime lingüístico europeo, porque, ao seu entender, non se trata dunha cuestión prioritaria nestes momentos. "Non creo que neste momento este sexa o tema número un que debamos discutir. Temos moitos temas sobre a mesa. Temos a xeopolítica e a posición estratéxica de Europa no futuro. Isto é no que creo que debemos dedicar o noso tempo agora mesmo", dixo o ministro de Exteriores de Letonia, Krisjanis Karins, á súa chegada á reunión.
Un argumento que Albares replicou na conferencia de prensa, asegurando que "a UE fai fronte ás distintas solicitudes dos Estados membros sen ningunha dificultade". Afirmou, ademais, que "dentro da sala non houbo ningunha oposición" á proposta española.
"Agora estamos xa á espera dos informes, porque empezan a ser xa pasos moi definitivos para poder formalizar xa esa proposta adaptada", sinalou o ministro.
Con todo, Albares non quixo dicir se a proposta, que debe adoptarse por unanimidade, poderase aprobar o próximo 15 de novembro, cando está previsto que se celebre o seguinte Consello de Asuntos Xerais en Bruxelas.
A oficialidade do catalán na UE é unha das reivindicacións que ata o de agora impuxo Junts para aceptar a investidura do presidente en funcións Pedro Sánchez.
A reunión do 15 de novembro é a última, segundo a axenda, na que se tratará a cuestión antes de que o 27 de novembro culmine o prazo para que Sánchez poida ser reelixido.
JxCat esixe unha "data de aprobación definitiva" do catalán na UE
A formación JxCat esixiu este martes ao Goberno central que "intensifique os esforzos diplomáticos" e anuncie "unha data para a aprobación definitiva da oficialidade do catalán na Unión Europea".
Nun comunicado, Junts constata "avances" na oficialidade do catalán, pero esixiu ao Goberno "intensificar os esforzos diplomáticos" porque "ten que ser consciente de que estamos en tempo de desconto" para a investidura do socialista Pedro Sánchez, advirte a formación independentista.