Publicador de contidos
Publicador de contidos

Liberan tres mulleres e desartellan unha rede de explotación sexual na provincia de Pontevedra

Liberan tres mulleres e desartellan unha rede de explotación sexual na provincia de Pontevedra

As vítimas eran captadas principalmente no Brasil, onde lles facilitaban os visados e ata certificados covid falsificados

As mulleres contraían unha débeda coa organización que debían saldar exercendo a prostitución

Un dos dirixentes da organización abusaba delas e "probábaas para ver se servían", di a policía

G24.gal 07/06/2022 11:43 Última actualización 07/06/2022 21:12

Axentes da Policía Nacional detiveron 14 persoas e liberaron tres vítimas, desarticulando unha organización dedicada á explotación sexual en clubs de alterne e casas de citas da provincia de Pontevedra. A rede criminal, segundo explica a policía nun comunicado, aproveitábase da súa vulnerabilidade dado que se trataba de mulleres con cargas familiares considerables e en situación de necesidade económica.

Das 14 persoas detidas, cinco delas pasaron a disposición xudicial do Xulgado de Instrución de Vigo e dúas ingresaron en prisión comunicada sen fianza. As outras tres quedaron en liberdade.

Cinco dos detidos procedían de Vigo, tres de Tomiño, dous de Ponteareas, dous do Porriño, un de Nigrán e outro de Vilagarcía de Arousa.

As mulleres contraían unha débeda económica de ata 2.000 euros polo seu traslado a Europa, cantidade que ía en aumento se se negaban a manter relacións sexuais cun dos principais responsables da organización, que “as probaba para ver se servían”, aseguran os investigadores. 

A organización tiña clara distribución de funcións entre os seus integrantes, di a policía. Un dos dirixentes encargábase de captar as vítimas no Brasil e de xestionar a viaxe en avión ata territorio español, onde as aloxaba e trasladaba para a súa entrega a outro dos xefes. Este rexentaba os clubs de alterne onde explotaban as súas vítimas.

A organización tiña colaboradores no Brasil que facilitaban visados de estudante ou certificados de vacinación falsificados, ademais doutros integrantes que tiñan funcións de homes de palla.

A entrada en Europa realizábase fundamentalmente a través de Lisboa, desde onde as vítimas eran trasladadas por estrada a clubs ou pisos de citas nunha localidade de Pontevedra, que a policía non concreta no seu informe. Unha vez alí, levábanas a diario en taxis de confianza da rede criminal a outros clubs de alterne.

As vítimas, principalmente de nacionalidade brasileira, atopábanse no seu país de orixe nunha situación moi precaria, de especial necesidade económica e con importantes cargas familiares, condición que aproveitaba a rede criminal para a súa captación.

Os integrantes da organización facilitábanlles os billetes de avión e dábanlles unha cantidade económica en concepto de “viático” para xustificar os requisitos de entrada en territorio Schengen.

Debido ao seu traslado a España, as vítimas contraían unha débeda económica de ata 2.000 euros, obrigación que descoñecían no momento da súa captación e que debían saldar exercendo a prostitución en clubs de alterne e en casas de citas da provincia de Pontevedra.

A policía detalla que por cada servizo sexual debían entregar nos clubs entre 10 e 20 euros ou o 50 % do que cobraban. A organización criminal tamén se lucraba do alterne das mulleres cos clientes, levándose 10 euros do pago das consumicións ás que eran convidadas, e do seu propio aloxamento, que podía chegar ata os 100 euros semanais.

Ademais, os membros da rede impoñíanlles ás súas vítimas un sistema de multas que ía dos 30 aos 60 euros, do que non se explicaba motivo algún sobre a suposta infracción cometida.

Debían estar dispoñibles as 24 horas a través dunha páxina web que a organización destinaba á publicidade da prostitución, anuncios nos que constaba o número de teléfono de cada unha das súas vítimas e polos que ademais elas debían pagar a cantidade de 30 euros.

A investigación culminou con tres vítimas liberadas e 14 detidos polos delitos de pertenza a organización criminal, trata de seres humanos con fins de explotación sexual, favorecemento da inmigración ilegal, relativos á prostitución e branqueo de capitais

Realizáronse cinco entradas e rexistros en inmobles situados na provincia de Pontevedra, en tres clubs de alterne e dous pisos. Procedeuse á clausura xudicial dos establecementos que utilizaban para a explotación. Interveuse un vehículo de alta gama, case 12.000 euros en efectivo, máis de dez terminais móbiles, outros dispositivos informáticos e documentación relacionada coa investigación.

No comunicado de prensa a Policía Nacional insiste na importancia de loita contra o tráfico de mulleres e ofrece a liña telefónica 900 10 50 90 e o correo trata@policia.es para facilitar a colaboración cidadá e a denuncia, anónima e confidencial deste tipo de delitos, non quedando reflectida a chamada na factura telefónica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade