Lista de espera ata outubro para renovar o DNI nalgunhas cidades galegas
Lista de espera ata outubro para renovar o DNI nalgunhas cidades galegas
As demoras máis longas están nas provincias da Coruña e de Pontevedra
Nas provincias de Lugo e Ourense hai unha maior dispoñibilidade
Para casos de urxencia con xustificación, poder facer algún oco na comisaría
Case todas as oficinas urbanas da Policía Nacional teñen completo ata outubro as citas para renovar o DNI. As demoras máis longas están nas provincias da Coruña e de Pontevedra. Na comisaría coruñesa do Cantón, a que acumula un maior atraso, a primeira cita é para o 13 de outubro e na cidade de Pontevedra para o 3.
Tamén hai que agardar ata outubro en Santiago de Compostela. Pódese renovar o DNI un pouco antes, en setembro, se se fai en Ourense ou en Lugo.
Con este panorama, non resulta estraño este outro dato: a primeira cita dispoñible en Galicia é en Monforte de Lemos, e é para o 1 de setembro. O verán é a época do ano en que se acumula máis atraso para facer estes trámites.
Os movementos territoriais do verán fan que sexan moitos os que ollen o seu DNI por primeira vez en todo o ano, e levan unha sorpresa coa caducidade á volta da esquina. Se todos fan o mesmo, o resultado é unha saturación das oficinas e longas listas de espera, especialmente nas contornas urbanas.
A policía explica que para casos de urxencia, como pode ser xente que vive no estranxeiro e ten que marchar, tentan facerlles un oco.
Pero ollo, isto non vale como norma xeral para todos, hai que ter unha xustificación para poder adiantar a cita, e presentar os documentos que se lle requiran.
A xente que acude estes días a renovar o documento pediu cita hai un par de semanas, cando había menos colapso administrativo.
Desde a Policía Nacional insisten en que se debe ollar de cando en vez a caducidade do DNI para evitar présas de última hora especialmente coa saturación que implica a época estival.