O congreso Lo que de verdad importa chega este venres á Coruña
O congreso Lo que de verdad importa chega este venres á Coruña
Traerán novas historias de emprendemento, superación e solidariedade
Este venres celébrase na Coruña unha nova edición do congreso Lo que de Verdad Importa, que quere achegarnos historias de emprendemento, superación e solidariedade da man dos tres protagonistas.
Hai catro anos que Julen e a súa irmá puxeron en marcha un proxecto para retirar plásticos do mar e transformalos. Hoxe xa son máis de catro mil pescadores de plástico repartidos por distintos portos, entre eles o de Marín, unidos por unha mesma causa.
"Conseguimos crear un sistema de reciclaxe co que logo se poden chegar a facer cousas. Podemos recoller as redes do porto e acabar facendo mobiliario para o paseo marítimo coa historia desas redes e sobre todo concienciando a poboación", explica Julen Rodríguez, CEO de Gravity Wave.
Concienciar tamén é o que busca Majo, coñecedora da dura realidade dos nenos que por diferentes razóns non poden contar co apoio dos seus pais durante unha hospitalización. Para acompañalos fundou a oenegué Mamás en Acción, que coordina milleiros de voluntarios.
"Creo que non só as persoas enfermas melloran cando reciben amor, senón que se iso realmente ten ese impacto no hospital, creo que é a miña responsabilidade contar ao mundo que fóra vai ter o mesmo, que ás veces hai que poñer amor nas pequenas cosas que nos saen", conta Majo Gimeno, fundadora da oenegué Mamás en Acción.
Historias de solidariedade, compromiso e tamén de superación como a de Abdul, un mozo sirio que arriscou a súa vida ao escapar do cárcere no que o Estado Islámico o tivera secuestrado de neno... Un pequeno avance do que este venres van poder escoitar os máis de 1.500 mozos que asistan ao décimo quinto congreso que a Fundación Lo que de Verdad Importa organiza na Coruña.