Localizado o corpo sen vida dunha persoa no río Barcés, entre Carral e Cerceda
Localizado o corpo sen vida dunha persoa no río Barcés, entre Carral e Cerceda
Os bombeiros rescataron o cadáver, que se atopaba nun lugar de acceso difícil
A Garda Civil investiga se é un carballés de 40 anos desaparecido hai catro meses
O corpo xacía no río Barcés, nun lugar limítrofe entre os concellos de Carral e Cerceda. Foi un troiteiro, que inauguraba de mañá a tempada de pesca, o que o atopou.
O home buscou axiña un lugar con cobertura para poder chamar os servizos de emerxencia. Ao pouco chegaron ao lugar a Garda Civil, unha ambulancia do 061, Protección Civil de Carral e os bombeiros de Ordes.
En canto a Policía Xudicial e o médico forense decretaron o levantamento do cadáver, os bombeiros procederon ao seu rescate. Estaba nunha zona moi difícil de acceder e tardaron unhas dúas horas en subilo pola ribada ata a estrada.
O corpo foi trasladado ao CHUAC para facerlle a autopsia pero, segundo os primeiros indicios, todo apunta a que se trata dun home de 40 anos desaparecido en Carballo en novembro. A Garda Civil investiga o caso.