Localizan a muralla da Idade de Bronce máis grande de Galicia
Localizan a muralla da Idade de Bronce máis grande de Galicia
Está no xacemento do monte do Castelo, en Vilar de Barrio
As analíticas acaban de confirmar que data do século XIII antes de Cristo
Os responsables da escavación cualifícano como a Atapuerca galega
A máis de 700 metros de altitude, con vistas ao que daquela era unha gran lagoa, erguíase a muralla da Idade de Bronce máis monumental identificada en Galicia.
Martiño Xosé Vázquez, director da intervención: "Aplicando novas técnicas de teledetección, rexistraron unha aliñación moi estraña neste espazo, que, visto en campo, confirmaba que era unha muralla de dous quilómetros de corda. Ten arredor de 3.200 anos de antigüidade. Iso é algo único en Galicia".
Da muralla para dentro, as vivendas dos límicos da Idade de Bronce, século XIII antes de Cristo, os castros antes dos castros.
Manuel García Cabo, arqueólogo: "Aquí o que vemos son buracos de poste, unha especie de cimentación para apoiar unha viga de madeira. Todas colocadas en liña formarían unha parede".
As escavacións comezaron en 2021. Mediante un sistema de teledetección, intelixencia artificial, descubriron que baixo estes montes se esconde unha superficie edificada de 16 hectáreas, onde se concentra, destacan, a historia de Galicia: desde a Idade de Bronce a un castelo medieval, pasando polos romanos.
Martiño Xosé Vázquez, director da escavación: "Por iso é tan importante acometer neste espazo un proxecto de investigación, escavación e posta en valor do sitio, como se fixo no seu momento en Atapuerca porque aquí están todas as follas dos capítulos da historia de Galicia por escribir".
Información histórica que bota luz sobre as lendas populares, como o Burato dos Mouros, probablemente unha antiga mina romana.