A Policía Autonómica localiza en Carballo tres depósitos ilegais con vehículos para despezamento
A Policía Autonómica localiza en Carballo tres depósitos ilegais con vehículos para despezamento
O responsable dunha empresa da localidade destinada ao despezamento de vehículos dábaos de baixa temporal para almacenalos e desfacelos nestes tres depósitos ilegais e clandestinos
Axentes do Grupo de Medio Ambiente da Policía Autonómica localizaron no municipio coruñés de Carballo tres parcelas con máis dun milleiro de vehículos fóra de uso, algúns deles levan máis de 20 anos dados de baixa.
A Policía Autonómica, en colaboración co Servizo de Intervención Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, levou a cabo a inspección de catro terreos, dos que tres eran clandestinos, onde localizou os vehículos.
Os axentes constataron que o responsable dunha empresa da localidade destinada ao despezamento de vehículos dábaos de baixa temporal para almacenalos e desfacelos nestes tres depósitos ilegais e clandestinos. En lugar de descontaminar os vehículos e reciclar os seus compoñentes foron depositados e despezados á marxe da normativa, o que supón un risco para o medio ambiente por falta de control sobre residuos perigosos como aceites e baterías que requiren un protocolo específico para a súa reciclaxe.
Os técnicos do Servizo de Intervención Ambiental da Consellería de Medio Ambiente realizaron medicións para coñecer o alcance da contaminación no medio natural e determinar se existe un delito contra os recursos naturais e o medio ambiente.
A Policía Autonómica denunciou os feitos, que poderían supoñer sancións económicas e tamén deu conta dos feitos á Dirección Xeral de Tráfico por tratarse a empresa dun centro autorizado de tratamento de vehículos.