Loito en Vimianzo pola morte do matrimonio accidentado en Dumbría
Loito en Vimianzo pola morte do matrimonio accidentado en Dumbría
A familia viaxaba nun coche e bateron de fronte contra un camión de madeira, conducido por un veciño e familiar
O fillo da parella, de 28 anos, está grave; viñera de Liechtenstein para vivir aquí e o luns empezaba nun novo traballo
Manuel e Estrella fixeran vida en Liechesnstein como emigrantes. Volveron hai apenas un par de anos, con el xa xubilado e agora tamén viña para aquí o fillo que viaxaba con eles, un mozo de 28 anos, que está en estado grave e que o luns empezaba nun traballo novo.
Arturo Pasantes, xefe de bombeiros do Parque comarcal da Costa da Morte, explica que "ao atopar o vehículo, vimos unha persoa en estado de shock, que se queixa do peito e que quere saír do coche e dúas persoas que non tiñan sinais vitais. O condutor do camión estaba ben, saíu ileso"
Accidente tráxico polas dúas vidas truncadas pero tamén polas circunstancias. As vítimas eran familia e veciños de porta con porta do condutor do camión, que saíu ileso. Golpe foi brutal e o coche quedou sen teito, desfeito. Os bombeiros tiveron que sacar os dous corpos de entre a ferralla. Todo apunta a que o turismo se foi na curva. Quizais por un despiste.
Pola posición dos vehículos, "supostamente foi o turismo quen invadiu o carril contrario. Era unha curva na que se circula a noventa quilómetros por hora, así que imaxina as consecuencias para un turismo dun golpe frontolateral cun camión", sinala Pasantes.
Tráfico abriu unha investigación para determinar as causas do accidente e están comprobando que o camión, cargado de madeira, levaba todo en orde.
En plena operación festiva, mensaxe de prudencia.
O comandante do subsector de Tráfico da Coruña, José Ángel Corral, pide prudencia "especialmente en percorridos coma este de 20 quilómetros. Nesas distancias curtas, extrememos máis as precaucións. Pedimos que volvan sans, que desfruten aponte pero que hai que volver".
O matrimonio será soterrado mañá, ás seis da tarde na igrexa de Carantoña, a parroquia que elixiran para retirarse.