Luís Chacón súmase á lista de convocados da selección galega
Luís Chacón súmase á lista de convocados da selección galega
Diego Martínez contará con 23 futbolistas para o partido contra Panamá (venres, 20:00 horas, TVG)
O xogador de Pontedeume Luís Rodríguez Chacón completa a lista de convocados da selección galega para o amigable deste venres contra Panamá (20:00 horas, TVG) que supón o regreso da Irmandiña.
Esta chamada chegoulle nun día moi especial, porque o 30 de maio é o seu aniversario (24 anos). Chacón foi un dos xogadores máis destacados de toda a Primeira Federación, cunha temporada brillante no Arenteiro, ao que conduciu a cotas inimaxinables.
Participou en 35 partidos, 33 como titular (27 deles completos), marcou dez goles e deu unha chea de asistencias. Tanto foi así que o Deportivo tentou fichalo no mercado invernal. É da canteira do Racing e estivo cedido durante dúas temporadas no Somozas.