Luras que cambian de cor, un atractivo máis para os visitantes do Aquarium da Coruña
Luras que cambian de cor, un atractivo máis para os visitantes do Aquarium da Coruña
O Aquarium Finisterrae da Coruña xa incorporou estes novos inquilinos
A sala Maremagnum é unha das áreas máis visitadas do Aquarium e agora conta cun novo reclamo. Luras, que a simple vista poden parecer sinxelas, e que agochan no seu manto o segredo que lles permite cambiar a súa cor.
O seu hábitat natural son as augas do atlántico oriental, a profundidades que poden chegar a acadar os 500 metros. E cunha esperanza de vida de aproximadamente un ano, estes moluscos poden medrar ata chegar aos 48 centímetros no caso dos machos, e algo menos as femias. Estes vinte exemplares en concreto foron capturados polo equipo de biólogos do acuario á entrada da ría da Coruña, e agora son un atractivo máis para os visitantes, porque entre outras curiosidades, tamén destaca o feito de que teñan tres corazóns.
O obxectivo agora é ver se é posible que se reproduzan en catividade, como sucedeu cunhas xibas que dende hai un tempo tamén se crían nun tanque contiguo.