Luz Casal presenta o seu primeiro álbum gravado en directo
Luz Casal presenta o seu primeiro álbum gravado en directo
Mañá sae á venda o concerto que ofreceu no Obradoiro coa Real Filharmonía de Galicia
A cantante decidiu publicar a actuación cando comprobou o resultado "máxico"
Este venres sae á venda o primeiro álbum de Luz Casal gravado en directo. É o concerto que ofreceu coa Real Filharmonía de Galicia no Obradoiro o 21 de xullo do ano pasado, na xira máis breve da súa carreira musical, 'Só esta noite'.
Luz Casal co seu equipo decidiu publicar este álbum cando comprobou un resultado "tan máxico, tan especial".
A cantante lembrou coa Televisión de Galicia aquela actuación que define como "unha aventura musical, persoal e mesmo sentimental". Un concerto en que interpretou os temas clásicos do seu repertorio, e cancións galegas como 'Negra Sombra' ou 'Camariñas', unha canción popular cun arranxo "bastante maxestoso".
Despois de 40 anos sobre o escenario, Luz Casal prepara a gravación do seu novo disco. Está previsto que poña á venda na primavera do ano vindeiro. Antes, Luz repetirá a experiencia de actuar nun escenario único o 20 de xuño. Será no Teatro Real de Madrid.