Publicador de contidos
Publicador de contidos

Maceiras en flor na Estrada, unha visita aos pomares e ás sidrarías

Maceiras en flor na Estrada, unha visita aos pomares e ás sidrarías

As 160 prazas para coñecer os pomares e as sidrarías esgotáronse nunhas horas

As visitas están organizadas polos produtores de mazá e pola Deputación de Pontevedra 

Coñecer as maceiras e a sidra natural da man dos produtores na Estrada
G24.gal 15/05/2022 20:03 Última actualización 15/05/2022 20:23

O día está cuberto pero as maceiras de Callobre, na Estrada, agardan floridas polos 40 visitantes que participan nesta ruta.

O adegueiro vai contando a súa historia: a familiar, vinculada á transformación da mazá desde os seus avós e a de cada unha das plantacións, coas súas variedades autóctonas, neste caso a Rabiosa, agre para comer ao dereito da maceira, pero con moitas cualidades transformada.

"É excelente, baixo o meu punto de vista, para a fermentación e transformación da mazá en sidra e outros produtos. Pola súa acidez, polos seus azucres, pola tardía maduración", conta Orlando Villamayor, produtor e sidreiro.

Moitos detalles que hai que aprender a percibir nun só grolo de sidra, ademais de descubrir un sector empresarial que segue medrando na comarca. 

Nesta edición participaron 160 persoas pero ante a demanda das visitas a Deputación de Pontevedra agarda que estas rutas amplíen a oferta turística da zona.

"Nace como un proxecto de proximidade polo tanto a visita foi da xente de Pontevedra. Pero nós queremos que este sexa un proxecto turístico, de turismo sostible que poida atraer no futuro, crear paquetes", asegura a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

De aquí ao outono cando caerán as mazás, queda toda unha evolución por ver nos pomares e tamén por saborear no lagar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade