Madamitas, madamitos e farandulleiros: os disfraces seculares de Entrimo
Madamitas, madamitos e farandulleiros: os disfraces seculares de Entrimo
O concello ourensán recupera estas figuras que datan do século XIX
Ridiculizan os señoritos rurais da época
Madamitas e madamitos naceron no século XIX, que se saiba, pero durmiron durante moitos anos na memoria colectiva dos maiores de Entrimo. Desde 2004, a mocidade recuperounos dentro das tradicións do Entroido local preguntando a eses maiores. Felizmente, tamén Otero Pedrayo o documentara na súa Enciclopedia Galega, como nos conta Luz Marina Rodríguez, membro do Casal de Entrimo.
"Este traxe dos madamitos e madamitas ridiculiza o señorío que había antes nas vilas, e para facer ese ridículo sacaban o interior ao exterior". "A cara ía tapada para que non os recoñecesen e non houbese represalias"
Teñen particularidades propias e elementos que se repiten nos disfraces tradicionais de concellos próximos, como unhas pequenas chocas no parte traseira ou unha vara para levantar
as saias das mulleres.
"E os bigotes son similares a aqueles cabaleiros de antes que levaban bigotes máis ou menos similares", engade Luz Marina Rodríguez.
Os desfiles pola rúa de madamitas e madamitos levan aparellados ademais dun gaiteiro e un carro de vacas adornado de flores, e outras personaxes seculares, os farandulleiros, cunha única misión.
"O noso personaxe acompaña as madamitas ridiculizándoas e botándolles borrallo. Antes botábanselles cagallas de cabra, agora xa non", comenta Cristina González, que vai disfrazada de farandulleira.
Un Entroido felizmente recuperado que goza de moi boa saúde entre os veciños e, o máis importante, entre as xeracións máis novas, o que lle augura unha longa vida, do que están moi fachendosos os veciños, como Amadeo Rodríguez, que se disfraza de Madamito.
"Transmitirlle que isto non se perda porque é unha tradición antiga que estamos recuperando con orgullo"
Ante o despoboamento galopante, Entrimo contrapón unhas enormes ganas de divertirse coas mesmas falcatruadas dos seus antepasados.