Maersk impulsará un megaproxecto de metanol verde en Galicia e Andalucía
Maersk impulsará un megaproxecto de metanol verde en Galicia e Andalucía
A primeira planta, non se especificou cal, empezará a funcionar xa en 2025, e o obxectivo é que as dúas plantas alcancen o pleno rendemento en 2030
Prevese un investimento de 10.000 millóns de euros e crear 85.000 postos de traballo
A multinacional danesa Maersk elixiu España como un dos seus principais centros de produción mundial de metanol verde, o combustible que utilizará a partir de agora na súa frota.
Construirá en Galicia e en Andalucía dúas plantas (pendente de definir a ubicación) nas que pretende producir dous millóns de toneladas de metanol, o 10 por cento do total que precisa. A primeira delas, non se especificou cal, empezará a funcionar xa en 2025, e o obxectivo é que as dúas plantas alcancen o pleno rendemento en 2030.
O proxecto está pactado co Goberno español. A dirección de Maerks e o presidente do Goberno asinaron este xoves o memorando de colaboración.
O xigante danés anuncia un investimento de 10.000 millóns de euros e o Goberno compromete fondos europeos e non descarta incluso participar como investidor.
Fontes da Moncloa calculan que as dúas plantas crearán entre 4.000 e 5.000 postos de traballo directos. E falan de 40.000 empregos potenciais indirectos e doutros tantos para os traballos de construción de ambas infraestruturas.
O proxecto non queda aí. Maersk promoverá ademais a construción de entre 20 e 80 parques eólicos e fotovoltaicos nas inmediacións das plantas para abastecer todo o proceso de produción do metanol verde.
O acordo foi tratado este xoves nunha reunión entre o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, o conselleiro delegado do Grupo A.P. MollerMaersk, Soren Skou, e diferentes altos directivos. Durante o encontro, analizaron o papel de España, dentro do proxecto global de produción de combustible verde da maior navieira do mundo, tras ser elixido como un dos países clave nos seus plans de descarbonización.
O obxectivo da compañía danesa sería acadar unha produción de dous millóns de toneladas de metanol verde para o transporte marítimo en 2030. Ademais, a intención da navieira é crear un completo ecosistema de hidróxeno verde, xunto con universidades, empresas locais e outros socios.
"Está perfectamente aliñado coa estratexia española de reindustrialización, transición enerxética xusta e a folla de ruta do hidróxeno verde, avanzando no cumprimento do compromiso común de descarbonización da Unión Europea", explicou o presidente do Goberno .
"Ademais, reforzará os lazos económicos, políticos e comerciais con Dinamarca, como tiven a oportunidade de falar na recente visita da primeira ministra, Mette Frederiksen", engadiu Sánchez.
Así mesmo, indicaron que os gobernos de Andalucía e Galicia xa coñecen as intencións de Maersk e que é un proxecto que "se non conta coa implicación das comunidades autónomas é imposible que saia".
Alfonso Rueda: "Non temos participación"
A este respecto, o presidente da Xunta confirmou que desde a Moncloa se puxeran en contacto coa Administración galega este xoves á mañá para trasladarlle a noticia. Non obstante, Alfonso Rueda dixo que máis alá diso non se concretou nada, que a Xunta non participou no acordo e que, segundo manifestou a empresa, "os detalles daraos no mes de xuño".
Rueda contrastou a inconcreción da información sobre o proxecto con outros que se impulsaron nos últimos meses e que agardan o respaldo do Goberno central e dos fondos europeos.
En todo caso dixo, que "se isto vai supoñer un beneficio para Galicia, por suposto que o celebramos".
Ademais da posibilidade de que o Goberno ingrese como investidor, o proxecto tamén aspirará aos fondos europeos existentes para promover o hidróxeno verde. As partes realizaron un estudo previo sobre a competitividade do proxecto e agora traballarán nun informe final, co obxectivo de que a mediados do próximo ano se poida impulsar o seu desenvolvemento.
Inicialmente desenvolveríase unha das localizacións previstas para o proxecto e posteriormente a outra, coa vista posta no futuro para determinar como evoluciona o campo dos biocombustibles, co metanol verde e o amoníaco como dúas grandes apostas.
Para iso , Maersk promovería que os parques solares e eólicos teñan unha capacidade duns 4.000 megawatts (MW) no país, uns promovidos pola propia compañía e outros mediante contratos de compra de enerxía a longo prazo, para un total de entre 20 e 80 proxectos renovables.
Deste xeito, España converteríase nun dos grandes 'hubs' que Maersk pretende impulsar no mundo para producir estes biocombustibles necesarios para afrontar a descarbonización do seu negocio de transporte marítimo. O pasado mes de marzo, o grupo xa anunciou un acordo nos mesmos termos con Exipto.