Publicador de contidos
Publicador de contidos

Máis controis e vixilancia contra os furtivos, que incrementan a súa actividade no Nadal

Máis controis e vixilancia contra os furtivos, que incrementan a súa actividade no Nadal

Gardacostas comisou preto de 56.000 quilos de produtos do mar nos once primeiros meses do ano

G24.gal 15/12/2023 13:46

Chega a campaña de Nadal, os prezos do peixe e do marisco van subindo... e os furtivos aprovéitanse.

O patrón maior de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias, confirma que "nestas épocas puntuais véñennos moito roubar e intentamos facer un pouco máis de control sobre os bancos. Ben é certo que a xente que temos é escasa".

Hai máis vixilancia das confrarías e máis controis de gardacostas e forzas de seguridade. No mar, por estrada e mesmo en mercados e restaurantes. O obxectivo: evitar que o botín dos furtivos chegue a comercializarse.

O subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto explica que "sabemos perfectamente que aumenta a presión sobre o recurso e aumenta o interese pola súa compra fóra das canles regulamentarias porque pensan que poden saír máis económicos. Tendo en conta que o percebe, o camarón, a nécora e a centola aumentan de prezo, pois si que van a eses produtos en que poden sacar maior beneficio económico".

Os furtivos supoñen un prexuízo económico e ecolóxico porque moitas veces  usan artes prohibidas e saltan as vedas. Di o patrón maior de Rianxo que "o problema non é que saquen o marisco de tamaño. Sacan todo xa. E o problema non é a curto prazo, é a longo prazo".

Nun dos últimos operativos incautáronse de catrocentos vinte quilos de peixe e marisco que ían comercializarse sen a documentación pertinente. Ata finais de novembro gardacostas comisou preto de 56.000 quilos de produtos do mar e 26.000 artes e aparellos de pesca.

Os mariscadores furtivos venden máis barato, pero o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia incide en que poden supoñer un risco para a saúde: "Hoxe ninguén compra carne a unha señora ou señor que lle vén vender nunha bolsa de plástico pola rúa. Non sei por que seguen facendo isto cos percebes, as nécoras, o camarón. Non entendo por que non son produtos de primeira necesidade e por aforrar dous pesos non hai por que poñer en risco a saúde da familia".

Pode chegar ao mercado produto de zonas contaminadas e mal manipulado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar