Apañan tres toneladas de lixo en hora e media no fondo do mar da Coruña
Apañan tres toneladas de lixo en hora e media no fondo do mar da Coruña
Máis de 200 persoas participaron na recollida que organiza o Festival Mar de Mares
Intenta petar na conciencia da cidadanía sobre a necesidade de protexer os nosos océanos.
As case tres toneladas de lixo recollidas do fondo do mar da Coruña constatan o traballo dilixente desenvolto por 200 persoas voluntarias e mergulladores na contorna do castelo de Santo Antón, en só unha hora e media.
"O que temos sempre son pneumáticos, plásticos e algunhas sorpresiña por aí que atopamos", comenta unha voluntaria.
"Moita, moita porcallada por desgraza, e moita nos peiraos flotantes dos pescadores e de xente que debería de coidar o mar, no que traballamos e que nos mantén tamén", engade outra.
Os residuos amoreados no chan do paseo marítimo buscan concienciar da contaminación dos océanos e dos estragos que as verteduras ocasionan nos ecosistemas mariños.
"Unha tristeza que estea isto todo no mar, do mar comemos todos, do mar vivimos. O mar é o noso osíxeno e estamos a estragalo botando merda".
"Quitariamos durante unha semana, vamos, sen dúbida, lixo sen parar porque podes estar aí catro horas que catro horas estás quitando".
"Non é máis limpo o que máis limpa senón o que menos ensucia, entón aquí é un problema de educación", explican.
A actividade de limpeza dos fondos mariños que vén organizando o Festival Mar de Mares nos últimos catro anos, desta volta rexistrou récord de participación.