Máis de 2.500 pezas dan vida o belén de Maside elaborado por unha veciña do concello
Máis de 2.500 pezas dan vida o belén de Maside elaborado por unha veciña do concello
María Jesús Nóvoa empezou hai oito anos a elaborar o nacemento que agora xa ocupa unha aula enteira de vella escola
Máis de 2.500 pezas conforman o belén que atopamos na antiga escola de Maside. Noventa metros cadrados en que o certo é que non falta detalle, nin de Maside e os seus negocios e oficios tradicionais, ata o concello próximo do Carballiño. De feito alí atópase ata unha reprodución do templo da Veracruz. Todo sae do traballo dunha soa persoa, Mari, unha veciña de Maside que comezou a elaboralo hai xa oito anos.
Conta que o primeiro nacemento que fixo era deses pequenos para poñer na casa. Cando atopou onde levalo xa tiña 20 metros cadrados, e foi medrando nos últimos anos ata ocupar unha das antigas aulas da escola de Maside.
Neste tempo o seu belén converteuse xa en toda unha tradición do Nadal, que este ano traspasa os límites do concello.
"Este ano vai especialmente dedicado ao Carballiño, a estrela é a igrexa da Veracuz. Puxen unha feira con polbeiras, típicas tamén do Carballiño, cousas de Maside, establecementos, tendas do Carballiño, veterinaria, reloxerías, tabernas...", conta María Jesús Nóvoa.
Di que algunhas das súas maquetas proceden de fotos antigas e moitas outras da memoria colectiva dos seus veciños.
"A xente pide que se aquí era sitio de 'silleiros', púxenlle un 'silleiro', que había un señor que facía caixas e pipotes... eu acepto todo o que van pedindo porque a xente maior coñece máis as cousas antigas de oficios que había aquí, entón pois ímolos incorporando".
E por suposto nin falta o nacemento, este ano no pórtico da igrexa da Veracruz, nin tampouco esquecen os cativos: os que atopen a tres intrusos neste belén marchan a casa con premio.