Máis de 30 casas asolagadas en Neda pola rebordamento dos ríos Belelle e Basteiro
Máis de 30 casas asolagadas en Neda pola rebordamento dos ríos Belelle e Basteiro
A auga entrou en avalancha nas vivendas tras botar abaixo muros de casas e predios
Durante a tarde do luns colocaron estratexicamente enormes sacos de area e grava no acceso ás casas de Santa María, en Neda. Había que frear o avance do Belelle e o Basteiro durante a preamar. Na das catro da pasada madrugada desbordaron. A auga baixou con tanta forza que botou abaixo os enormes muros de protección de predios e casas.
"Tirou co muro. Nos 47 anos que hai que merquei esta casa non lembro nada parecido", explica Mariluz.
Rotos os muros, a auga baixou en avalancha. Entrou sen freo, primeiro na casa de Jorge, e despois nas dos seus veciños.
"Cando nos demos conta tiñamos a auga dentro. Quixemos intentar salvar algún moble e cando estabamos nesa tarefa sentimos un forte estrondo. Parte dos electrodomésticos estaban flotando e viñan contra a porta. A porta rebentou. Só podiamos meternos na casa paralela e refuxiámonos alí", explica Jorge.
Tiveron que rescatalos e a casa está inhabitable. E non son os únicos prexudicados.
"Sobre unhas 20 vivendas están afectadas directamente pola avalancha. E río arriba outras 10 ou 15 , todas nas zonas inundables do río Belelle", conta o alcalde, Ángel Alvariño.
Non houbo perdas humanas por pouco. Pero as materiais son elevadas. O Concello busca axudas para os afectados, pero sobre todo unha solución definitiva con propostas que xa están sobre a mesa.
"Esperemos que se axilicen para evitar estas inundacións. Os veciños non queren axudas, os veciños o que queren é que isto non se repita", explica o a alcalde.
A preamar da tarde do martes non trouxo máis sorpresas, pero o Plan Inungal segue activo porque hai dez ríos en Galicia en risco extremo, na comarca de Betanzos e Ortegal, en Soutomaior e Ribadavia. Árbores tiradas polo temporal causaron dous incidentes na liña de ancho métrico ferroviario entre Ferrol e Oviedo, que mantén interrompida a circulación.