Publicador de contidos
Publicador de contidos

Máis de 500 estudantes participan no certame de esculturas de area na Lanzada

Máis de 500 estudantes participan no certame de esculturas de area na Lanzada

Na decimosexta edición desta actividade promovida por un instituto do Grove, traballaron sobre as 20.000 leguas de viaxe submarina de Xulio Verne

Arte efémera pero tamén ecoloxía, literatura ou actividade física van da man no que xa se converteu unha tradición na zona 

G24.gal 19/05/2022 14:38 Última actualización 19/05/2022 15:26

Unha marea de mozos e mozas tomaban a praia da Lanzada esta mañá para recuperar o que a pandemia impediu nos últimos dous anos: a Festa das Esculturas de Area que promove desde 2004 o instituto Monte da Vila do Grove, unha actividade impulsada polo departamento de debuxo do centro. 

A profesora que ideou, xa fai 18 anos, este certame, é Josebe Arriaga.

"Fan as súas figuras na clase, algúns en plastilina, outros en debuxos, e despois o día de hoxe veñen á praia, coas súas pas e os seus cestos, en grupos pequenos de catro ou cinco e traballan a súa obra".

Este ano, o motivo das esculturas xira arredor das 20.000 leguas de viaxe submarina de Xulio Verne, do que parten distintas ideas. "Unha serea inspirada na de Copenhague", di un rapaz, ou unha tartaruga con tentáculos en vez de patas", di outra.

Unha xornada para crear pero tamén para coñecer mellor a contorna e aprender a respectala.

"Aquí aniña a píllara das dunas nestas datas, entón un par de días antes vimos e facemos un percorrido para ver onde están e molestar o menos posible", explica a docente, que tamén destaca que "eles gozan da praia pero despois non poden deixar nada, teñen que recollelo todo e deixar a praia tal como a atopamos".

Pero sobre todo o que máis lles gusta aos participantes é poder saír das aulas, facer algo diferente cos amigos e coñecer outros novos. "Saír do instituto e poder ir a sitios diferentes cos teus amigos", apunta unha moza. Outra pon de relevo que "agora que estamos de exames, liberarse un pouco está moi ben". Que veñan de institutos doutras partes de Galicia paréceme xenial", corrobora un compañeiro.

Oito centros participan este ano e xa preparan a edición de 2023, que estará protagonizada pola obra de Picasso aos 50 anos da súa morte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade