Publicador de contidos
Publicador de contidos

Máis de tres mil pezas de arxila danlle vida ao belén do escultor ourensán Arturo Baltar

Máis de tres mil pezas de arxila danlle vida ao belén do escultor ourensán Arturo Baltar

G24.gal 18/12/2022 15:29 Última actualización 18/12/2022 16:30

En Ourense hai unha visita imprescindible nestas datas, un belén con personalidade propia e cheo de detalles e curiosidades para os visitantes. 3.500 pezas de arxila dan vida a este belén, símbolo do Nadal en Ourense, que leva a sinatura do escultor Arturo Baltar. É unha sucesión de escenas que mesturan a tradición, lugares e lembranzas do século pasado e especialmente nas zonas do rural. Aquí non falta detalle, por suposto tampouco o nacemento, nin xente para visitalo. Tanto é así que está aberto ao público durante todo o ano e ante a afluencia de visitantes amplía o seu horario durante as festas do Nadal.

Din que este belén ten pouco de tradicional. Certo que non falta o nacemento, nin os reis magos nin a anunciación pero se fixamos a mirada é quen de trasladarnos a mediados do século XX.

"Pode ser calquera aldea de Galicia, pero aquí están representadas aldeas e vilas de Ourense e partes da cidade como por exemplo cando se trata da Esmorga, que é o barrio chinés que está aquí ao lado", explica Rogelio Santos, técnico da Concellería de Artes e Festexos.

O belén foi medrando co paso dos anos, o artista de a pouco foi engadindo escenas familiares para moitos. 

"Empezou pouco a pouco e foi aumentando"

Agora os visitantes buscan o afiador, a castañeira, a muller que lle quita os piollos a unha nena ou o cativo que mexa agochado nunha palmeira. Pero hai moito máis: os personaxes da Esmorga na taberna, a torre de Vilanova dos Infantes,  a pedra do tangaraño ou as olarías de Tioira. 

"Precioso, cada vez que ves descobres algo novo."

Esa man para os detalles deixouna tamén noutras obras que acompañan este belén, algunhas relixiosas ,outras desa vida cotiá do Ourense de hai décadas.

"Os detalles que ten son fabulosos. Na botica está detrás a rebotica que era tan famosa ata hai pouco tempo, e xa o belén é que ten de todo."

Visitar este belén forma parte da tradición do Nadal en Ourense. Unha oportunidade que, porén, non desaparece ao remataren as festas. Aquí abren as portas durante todo o ano.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar